Noticias
19 de outubro de 2019
Dando a cara ata o final
O Pescados Rubén Burela FS deu a cara ata o final ante o poderoso ElPozo Murcia (3-1). O conxunto de Juanma Marrube foi de menos a máis e conseguiu recuperar a alma laranxa que se esvaera na xornada anterior, nunha cancha moi complicada contrarrestando o potencial dos locais en moitas fases do xogo. Con todo, non foi suficiente para frear a pegada de ElPozo, que soubo gañar os tres puntos aproveitando as súas ocasións, en estratexia e contragolpe na primeira parte e nun rexeite na segunda.

Nun inicio de tenteo, Paradynski asaltou a liña de pase fronte a Edu, sen éxito ante o naronés, xa no minuto 2. A primeira dos mariñáns, no 4, protagonizouna Renato desartellada por Fede por arriba. Puxeron a proba a rede galega Álex e Fernando e o foi o primeiro o que adiantou os charcuteiros no minuto 8, en xogo de pivote, recibindo un saque de esquina de Marc Tolrà e atopando oco no seu xiro. Darío subiu o 2-0 no 12 nunha concesión burelista; F. Valerio asistiu ao segundo pau tras pase de Paradynski en contragolpe. Demasiada vantaxe no luminoso para a igualdade vivida sobre a pista. Juanfran e Joselito, por partida dobre, dispuxeron sen fortuna das mellores dos galegos despois para reducir distancias. Edu tamén estivo moi atento ante Matteus e Fernando.

Optou por unha maior presión o conxunto galego tras o descanso, neutralizando as solucións ofensivas dos charcuteiros ante a formulación de Juanma Marrube e con grandes actuacións de Fede baixo paus. O meta local freou as intencións de Renato e Juanfran antes do ecuador do segundo acto e de Mata de lonxe, máis tarde. ElPozo aproveitou para ampliar a renda a falta de 5 minutos, a través de Fernando, o 14 murciano saíu vitorioso ante unha tentativa de despexe de Matamoros tras unha boa intervención de Edu, cun balón que tocou en Pope en última instancia. Cando o 10 burelista se estaba preparando para saltar con xogo de cino, o porteiro naronés evitou o cuarto fronte a Alberto García. Foi a por todo o Pescados Rubén e atopou nun segundo asedio sobre Fede o 3-1, nun lanzamento de Joselito que tocou en Matteus. Matamoros a punto estivo de sorprender na recta final e Álex Diz anotou superando xa a bucina final. Seguimos loitando!!!!!

Semana sen liga

Os burelistas retomarán as obrigas da liga o venres 1, coa visita do Servigroup Peñíscola (Vista Alegre, 20.30 horas), tras o descanso polo descanso da rolda principal do Mundial FIFA 2020. Alí estará o meta laranxa M. Kaluza para defender a Selección Polaca fronte a Xeorxia, Finlandia e España.


Ficha técnica



ElPozo Murcia FS: Fede, Matteus, Darío, F. Valerio, Paradynski, cinco inicial; tamén xogaron Fernando, Marc Tolrà, Pol Pacheco, L. Altamirano, Alberto García, Álex

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Luisma, R. Vargas, Juanfran, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Lucho, Joselito, Renato, Everton, Álex Diz

Goles: 1-0, minuto 8, Álex; 2-0, minuto 12, Darío; 3-0, minuto 35, Fernando (p.p. Pope); 3-1, minuto 38, Joselito (p.p. Matteus)

Árbitros: Blas Alonso // Romero Candela. Por ElPozo amarela Darío (minuto 23), Marc Tolrà (minuto 26). Por Burela amarela a Vargas (minuto 23), Álex Diz (minuto 30)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 6 de Primeira División disputado no Palacio dos Deportes de Murcia, con emisión en directo de GOL TV
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores