Noticias
17 de outubro de 2019
Con todo ante un dos históricos
Achégase a xornada 6 de Primeira coa segunda visita xa dos burelistas ante un dos titáns na elite. O Pescados Rubén Burela FS medirase ao histórico ElPozo Murcia este sábado, ás 13.00 horas, ante as cámaras de GOL.

“Para nós cada partido é unha final, sabémolo desde o inicio de liga. Estamos pelexando por conseguir a primeira vitoria da tempada e a entidade do rival non vai desviar o noso obxectivo” aseguraba un dos grandes baluartes dos mariñáns, o meta Edu.

Os laranxas, con 1 punto na súa cuadrícula, enfrontaranse á grandiosidade de ElPozo, cuarto clasificado (10 puntos), que só saíu derrotado ata o momento na xornada inaugural co Parrulo (3-2). O conxunto local regresa esta semana á competición ligueira tras os seus compromisos na UEFA Champions League.

Para Edu é cuestión de tempo que cheguen os bos resultados; o camiño é o correcto. O equipo está puíndo detalles aos poucos e pode competir contra calquera, así o está demostrando. Agora o máis importante é o factor mental: “Ata agora ningún rival foi moi superior en xogo; estamos competindo ata a recta final, pero tamén temos algúns minutos nos que aparecen certas lagoas que nos lastran demasiado. Sobre iso estamos traballando, aos poucos ímolo solucionando e imos a Murcia con todo”.

“Estamos xerando ocasións, pero no momento crucial esváense as intencións. Temos que ser máis contundentes, estar máis firmes nesas situacións. Se defensivamente estamos ao noso mellor nivel, cun pouco de afinación nas ocasións, teremos posibilidades. Todos estamos ao cento por cento para a cita” advertía en naronés, confiando na actitude, ganas e alma do grupo.

O conxunto mariñán, que partirá esta noite ás 23.00 horas, realizará a última sesión da semana mañá ás 12.00 no José María Cagigal.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 7. R. Vargas, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 20. Everton, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores