Noticias
8 de outubro de 2019
Valdetires e a Copa Galicia estrean a axenda semanal das burelistas (mércores 9, 21.00 horas)
As campioas irmandiñas arrancan a súa aventura nunha nova edición da Copa de Galicia mañá, na Bomboneira, ás 21.00 horas. Valdetires Ferrol FSF, de Segunda, será o primeiro obstáculo do Pescados Rubén na fase de grupos, con entrada gratuíta. Esta será a súa primeira cita da semana; Vista Alegre tamén acollerá a xornada 5 de Primeira RFEF, o sábado, coa visita do Leganés Masdeporte (18.30 horas).

“Para nós é unha competición especial. Sempre nos coincide por estas datas compatibilizar partidos de Copa e de liga e adaptamos o ritmo de traballo e preparación para iso. Chegamos con moita ilusión por repetir o éxito da última edición. Este é o primeiro paso; sabemos que nos colgan o cartel de favoritas fronte a Valdetires, pero iso hai que demostralo na pista”, adiantaba o técnico, Julio Delgado, en vésperas da cita.

As dúas xornadas de liga que leva disputadas ata o momento o Valdetires remataron en táboas, 1-1, ante Txantrea e Rodiles. “É un referente na Segunda División, que pelexa por estar sempre entre os mellores; esta tempada tivo que superar dificultades na formación da plantila pero nós non esperamos outro Valdetires que non sexa un rival que o vai deixar todo na pista e que virá poñer as cousas complicadas, coa motivación engadida de visitar Vista Alegre”, puntualizaba o adestrador laranxa.

O segundo e último partido da fase de grupos da cita copeira para as mariñás será o 23 de outubro, ás 21.00 horas, na pista do Castro Bloques Cando.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores