Noticias
12 de agosto de 2019
R. Vargas: 'Chegamos coa ilusión de superarnos día a día'
“O ano pasado foi o gran soño, o do ascenso; este sabemos que vai ser moi diferente. Tocaranos sufrir pero chegamos con toda a ilusión de superarnos día a día, para dar pasos e conseguir o noso obxectivo en Primeira. A gran meta do equipo é manterse na elite, co meu obxectivo persoal de seguir medrando e dar pasos relevantes en experiencia sobre a pista” explicaba o onubense Ramón Vargas Pérez, inmerso en plena pretempada e logo de estrear a axenda laranxa de amigables o sábado en Tapia de Casariego.

“Foi un bo comezo, duro coma en todas as pretempadas, pero volvemos ben, co traballo individual do verán” explicaba o ala, xunto ao presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, e o secretario, José Ángel Dovale. Os pupilos de Juanma Marrube saldaron o test inaugural en Asturias, nun triangular, cun axustado 3-2 a favor de Atlético Benavente FS e 3-1 sobre Boal FS: “É o comezo, estamos collendo sensacións na pista e coñecéndonos todos. Queda moito por diante e seguiremos traballando para sacar a máxima rendibilidade de pretempada e así chegar o mellor posible ao comezo de liga. Precisamos tempo para que todos nos coñezamos ben, coa adaptación de Álex Diz, Everton e Amoedo, en pista, ademais de Kaluza, na portería” explicaba o andaluz, de 21 anos, que cumprirá a súa segunda tempada na Mariña.

Movistar será o seguinte rival nesta etapa preparatoria, con cita en Illescas este sábado a partir das 19.00 horas: “Vai ser unha gran toma de contacto das esixencias que nos imos a atopar en Primeira, esperamos un choque moi bonito” adiantaba R. Vargas, facendo referencia tamén á presentación do equipo no mausoleo laranxa, co Torneo Burela Bonita da próxima semana: “O ano pasado xa o vivín e é unha cita preciosa para a pretempada de Vista Alegre”, concluía o xogador mariñán.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores