Noticias
8 de agosto de 2019
Kaluza 'A española é a mellor liga do mundo e o meu soño sempre foi xogar aquí'
O gardameta polaco Michal Marek Kaluza, outra das novidades laranxas para o regreso á elite, descubrirá o futsal español defendendo o Pescados Rubén Burela FS en 2019-20, xunto a Eduardo Saavedra. “Na miña opinión, esta é a mellor liga do mundo e estou moi feliz por poder formar parte dela. O meu soño sempre foi probar fortuna en España e cando xurdiu a oferta de Burela aproveiteina” explicaba o internacional, de 21 anos, na súa presentación oficial, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez.


“A decisión de trasladarme a Burela foi difícil. No aspecto deportivo, non o dubidei un momento, porque era o meu soño. Pero, doutra banda, tiven que deixar a miña cidade natal, a miña noiva, os meus amigos e a miña familia. Afortunadamente, atopei o apoio dos meus seres queridos e por iso me decidín a dar o salto”, explicaba Kaluza, que chegou a Galicia o pasado 27 de xullo para iniciar a pretempada o 1 de agosto co resto do cadro de Juanma Marrube: “Os meus primeiros días en España foron moi movidos. Coñecín os lugares máis importantes relacionados co club e algúns dos meus compañeiros de equipo e ao adestrador. Todos me recibiron moi ben e podo contar con todos se é preciso; vexo en todos un gran compromiso e unha profesionalidade total. Existe a barreira do idioma, pero todos os días melloramos a comunicación entre nós, con algunhas risas. Intento falar cos meus compañeiros tanto como é posible e preguntarlles sobre varios temas relacionados con Burela e toda a liga. Tamén estudo vocabulario en español para mellorar a miña comunicación co adestrador e o equipo. Espero que sexa cuestión de semanas e sentireime como na casa en Burela” explicaba o polaco, entusiasmado no seu novo fogar.


Dende hai unha semana, Kaluza comparte co resto dos seus compañeiros as dobres sesións de pretempada para estar a punto para o regreso a Primeira LNFS, entre Monte Castelo, A Marosa e Vista Alegre: “Os primeiros adestramentos no período preparatorio foron duros, moita carreira, pero isto é o que toca para prepararse para os partidos de liga o mellor posible” confesaba o meta, procedente do Rekord Bielsko-Biala e recoñecido como un dos mellores porteiros do mundo nos Futsal Umbro Awards 2018, consciente de que ten un gran reto por diante: “Hai moitas diferenzas entre o fútbol sala polaco e español. A cultura e o ritmo do xogo son particularmente notables; cada partido é de alto nivel. O futsal en España é moi espectacular e reúne a moita xente nas bancadas. En Polonia, con todo, é unha disciplina máis humilde e só nalgúns lugares do país ten máis público?”.

Kaluza conta as horas para poder estrearse de laranxa: “Os meus obxectivos para esta tempada son aclimatarme o mellor posible ao equipo, aprender máis do fútbol sala, así como demostrar todas as miñas virtudes ao adestrador para xogar tantos minutos como sexa posible”. Con todo antes do 14 de setembro co inicio da liga en Vista Alegre, terá a oportunidade nas citas de pretempada, que darán a saída este sábado, 10 de agosto, en Tapia de Casariego, nun triangular xunto a Atlético Benavente e Boal FS a partir das 19.00 horas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores