Noticias
30 de xullo de 2019
Álex Diz: 'Veño para dar o máximo tanto dentro coma fóra da pista'
A Mariña desprende de novo arrecendo a fútbol sala. O Pescados Rubén Burela FS xa está recibindo o cadro que pelexará no regreso a Primeira División LNFS, con inicio oficial de pretempada este xoves, 1 de agosto. O lugués Álex Diz, unha das catro caras novas do proxecto, xa conta as horas para o comezo dos adestramentos: “Veño para axudar co meu grao de area, para dar o máximo posible tanto dentro coma fóra da pista, para cumprir con todo o que me diga Juanma” explicaba o ala, acompañado na súa presentación oficial polo presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego.

“Estou moi ilusionado por esta nova etapa nun club singular e preto da miña casa. Un dos grandes motivos polos que me decidín foi porque coñezo a moitos dos xogadores e pola filosofía do club, coa que me sinto moi identificado” explicaba o xogador de 24 anos, procedente do Osasuna Magna.

Despois de formarse na estrutura de Azkar e de tres tempadas en Santiago Futsal, Álex Diz regresa a Galicia: “Aínda son moi novo, pero volvo como un xogador con máis experiencia. A tempada en Navarra serviume moito para seguir formándome. Son un xogador ofensivo, con boa calidade de pase e visión de xogo, ademais de ter moitas ganas de seguir mellorando”, así se definía o lugués, moi concienciado da dificultade da volta ao traballo e da esixencia do novo reto: “Estes días, de pretempada, van ser duros loxicamente pero afróntoos con moitas ganas. Sabemos que vai ser un ano difícil, todos os equipos se reforzaron moi ben. No entanto, tamén sabemos que temos capacidade para cumprir os obxectivos; pero iso só será posible con traballo e constancia” reflexionaba o novo laranxa.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores