Noticias
8 de xullo de 2019
A solidez de Edu regresa a Primeira
A solidez de Eduardo Saavedra Cebreiro regresará a Primeira LNFS, na duodécima tempada do naronés no Pescados Rubén Burela FS. “Cumprimos o obxectivo e fixemos historia no club. Agora volvemos á mellor liga do mundo, a unha competición moi esixente. Tan só nos queda afrontalo con ilusión e ganas para facer un bo papel, que non vai ser nada doado” explicaba o 1 laranxa, un dos grandes responsables da fortaleza defensiva dos pupilos de Juanma Marrube.

“Estou feliz e coma sempre asumirei o meu rol de veteranía e experiencia para axudar o grupo e os rapaces máis novos, co fin de poder manternos na máxima categoría” aseguraba Edu, exultante por esta novo reto que se presenta e acompañado na formalización da súa renovación polo presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego.

Xunto ao galego, defenderá a portería o internacional polaco Kaluza, de 21 anos. Co de Narón xa son dez os protagonistas do ascenso que continuarán no proxecto, con Matamoros, Iago Míguez, Lucho, Renato, Pitero, Pope, Luisma, Joselito e Juanfran. “Creo que a decisión da directiva e corpo técnico de manter a maioría do bloque é un grande acerto. Neste aspecto, sendo un grupo que nos coñecemos, podemos afrontar mellor esta nova etapa. Ademais a chegada de reforzos galegos e con xuventude tamén nos dará un plus” explicaba o meta, facendo referencia ás incorporacións do ala lugués Álex Diz ou do pivote pontevedrés Amoedo, e co ala Everton, dende Santiago Futsal.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores