Noticias
15 de xuño de 2019
Pescados Rubén está na Finalísima
As Guerreiras Laranxas cumpriron e volverán a protagonizar o duelo de titáns con Futsi Navalcarnero mañá (17.00 horas). Estarán na final do I Copa de SM A Raíña, arroupadas polo mausoleo burelista, tras saír vitoriosas no derbi irmandiño fronte a Ourense Envialia (5-2), encamiñando xa o partido na primeira parte, con 3-0. As máis de 1200 almas que asolagaron Vista Alegre ovacionaron a ourensá Bea Seijas, na súa retirada das pistas, cun aplauso de minutos e manteo incluído de ambas as escuadras.

Dany encamiñou o marcador antes de cumprirse o segundo minuto de xogo, na primeira chegada mariñá. Tras dúas intervencións moi oportunas de Ana Romero, no minuto 9, Bea Mateos enfundou a camiseta de porteira xogadora para atopar comodidade da escuadra sobre a pista e así chegou, antes do ecuador, o segundo, nas zapatillas de Peque. Reaccionaron as de Morenín cunha presión alta buscando dificultar a saída de balón rival na segunda medianía antes do descanso ás burelistas.

Ourense regresou con perigo e Sara Moreno reduciu no 23. Respondeu pouco despois o Pescados Rubén de novo coa capitá liderando o xogo de cinco. Ana Romero sacou un pé prodixioso no 29 ante Chiky e Dany, sempre intelixente, aproveitou no 32 unha indecisión entre Bea Seijas e Vane para o 4-1. O Ourense reduciu distancias tres minutos máis tarde, cun disparo de Sara Moreno que tocou na defensa burelista e confundiu á meta. Cumpríase o minuto 35 e continuou no seu empeño Morenín con porteira xogadora en busca da remontada, sen apenas xerar perigo. Aí estaba Peque, atenta a todo, para aproveitar e anotar o 5-2 a porta baleira no 38.

Ficha

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Peque, Cami, cinco inicial; tamén xogaron Bea Mateos, Jenni, Luci, Lara Balseiro, Alves, Popó

Ourense Envialia FSF: Vane, Bea Seijas, Laura Doce, Marta, Sara Moreno, cinco inicial; tamén xogaron Judith, Chiky, Vera, Candela, Mery, Zaide

Goles: 1-0, minuto 2, Dany; 2-0, minuto 10, Peque; 3-0, minuto 20, Luci; 3-1, minuto 23, Sara Moreno; 4-1, minuto 32, Dany; 4-2, minuto 35, Sara Moreno; 5-2, minuto 38, Peque

Árbitros: Manteiga Rodríguez // Martínez Torres. Por Ourense amarela a Sara Moreno, Judith.

Incidencias: Partido correspondente á segunda semifinal de Copa de SM A Raíña (Burela, 14-16 de xuño) disputado en Vista Alegre, ante unhas 1200 persoas.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores