Noticias
13 de xuño de 2019
Todo listo para a Copa de SM A Raíña
O salón de plenos de consistorio de Burela acolleu esta tarde a presentación da I Copa de SM A Raíña (14-16 de xuño). Xunto ao alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, estivo a deputada de Economía, Mayra García, ademais do presidente do Pescados Rubén Burela FS como club anfitrión, Manuel Blanco, e o director de Área do CNFS da RFEF, José Miguel Calle.

Todos os presentes coincidiron en definir a cita como un grande éxito do fútbol sala nun momento no que o deporte feminino está conseguindo ocupar o sitio que merece. Alfredo Llano deu a benvida a todos os clubs desexándolles moita sorte no campionato: “Burela é unha localidade de grande afección ao fútbol sala e por iso Vista Alegre responderá para a ocasión gozando dos mellores equipos de Primeira”, coincidindo con Ramiro Fernández en “animar a xogadoras e técnicos a gozar destes días na Mariña e desexar sorte a todos, aínda que un pouco máis a Burela”. Desde a Deputación de Lugo, Mayra García felicitou o Concello e o club laranxa por recibir unha edición máis, e xa van tres, a Copa, ademais de reafirmar a súa aposta e compromiso polo deporte en Lugo. Manuel Blanco e José Miguel Calle, para concluír, destacaron a calidade e rivalidade que se vivirá esta fin de semana na Bomboneira: “A I Copa da Raíña é un éxito porque reflicte a firme aposta que desde a Federación estamos facendo polo deporte feminino, con realidades, non só con palabras. E para este feito histórico elixiuse Burela porque é un club que traballou e conseguiu un deporte profesional en igualdade. Este é o punto de partida; xa temos en proxecto poder facer unha final four masculina e feminina na mesma sede” explicaba Calle.

Impresións e sensacións de adestradores e xogadoras a menos de 24 horas do inicio da ansiada cita pecharon o acto, para dar paso aos detalles na reunión técnica entre o Comité de Competición e os delegados/as dos clubs.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores