Noticias
29 de maio de 2019
Juanma Marrube: 'Preséntase un horizonte bonito, pero tamén complicado'
O Pescados Rubén Burela FS e Juanma Marrube xa traballan no novo proxecto que regresará ao mellor espectáculo do fútbol sala en 2019-20, tras pechar os últimos detalles da renovación do técnico coa entidade laranxa para a vindeira tempada. “Estou moi contento por seguir no club. Preséntase un horizonte moi bonito, pero ao mesmo tempo moi complicado. Regresamos á Primeira División, unha das máis duras das últimas tempadas; creo que vai haber unha competencia brutal” explicaba o Mariskal, pechando un exercicio no que fixo historia.

A aposta da Familia Laranxa non tiña dúbidas. “Dende hai tempo xa o tiñamos claro. Juanma Marrube é unha peza imprescindible deste proxecto. Levamos dous anos traballando xuntos e é unha persoa da casa, coñece á perfección o club e a nosa base”, explicaba o presidente, Manuel Blanco, nunha das súas reunións co míster, en pleno proceso de configuración do novo Pescados Rubén Burela FS: “A nosa aposta é clara, xogadores da casa, xogadores galegos e sobre todo xente traballadora. Sabemos que temos un reto moi complicado por diante e a mellor forma para afrontalo é manter a filosofía destas dúas tempadas”.

O adestrador alfocego confía na filosofía que levou o equipo a ser campión de Liga para vivir outra experiencia bonita na elite: “Imos ter que estar moi preparados, club, xogadores e afección; sabemos que vai ser un cambio moi grande. Pasamos de ser campións de Segunda a ser o máis novo en Primeira. Tendo o reflexo do traballo destes dous últimos anos, seguiremos coa mesma esencia, co mesmo carácter e ganas de seguir sendo mellores”. A humildade e a dedicacón diraria serán as grandes garantías dun proxecto de continuidade, no que Juanma Marrube coincide cento por cento coa directiva: “Co descenso de hai dous anos, o club reestruturouse e planificouse cun bloque de xogadores con moita xuventude e experiencia, preparado para volver a Primeira e competir na categoría. Estamos formando un grupo sólido e ordenado e, sobre todo, moi traballador. Maioritariamente o bloque manterase, aínda que como marca a lei natural do deporte haberá algún cambio, que sempre é necesario”, valoraba así Juanma a renovación do cadro.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores