Noticias
7 de maio de 2019
Pescados Rubén, subcampión de XXVIII Copa Galicia
O Pescados Rubén Burela FS quedou a un suspiro de revalidar o título irmandiño fronte ao Parrulo FS (4-3); os pupilos de Juanma Marrube recibiron o trofeo de subcampións da XXVIII Copa Galicia de mans do concelleiro de Deportes das Pontes, Chicho Tembrás Martínez. O municipal da vila coruñesa viviu unha final chea de ocasións en ambas as áreas e emoción ata o final. Tras a remontada dos ferroláns nos primeiros compases do segundo acto co 2-1, os da Mariña non atopaban a fortuna merecida e optaron por xogo de cinco con 3-1 con máis de sete minutos por diante; tiveron que sufrir o 4-1 pero tamén puideron acurtar distancias ata o 4-3, cun final de infarto.

O primeiro aviso foi de Luisma, desde saque de banda de Iago Míguez, a punto de cumprirse o minuto 2. Responderon acto seguido os ferroláns, en carreira cun disparo que se foi demasiado alto. A defensa laranxa estivo perfecta no maior perigo do Parrulo, roldando o 6, desde balón parado en varias ocasións. Mata, de estratexia, e Renato, dende lonxe, non tiveron fortuna no minuto 7. Adri a punto estivo de adiantar os de Diego Ríos, no 8 e no 9, primeiro en recuperación e galopada, pero aí estaba Imanol para freala, e despois nun mísil raso que se estrelou contra o pau.

Ambos os metas foron determinantes para manter sen estrea o luminoso, superado o ecuador da primeira parte, Chemi foi o obstáculo para R. Vargas e máis tarde Imanol saíu vitorioso fronte a Diego Núñez, nun man a man no chan. Juanfran dispuxo dunha de ouro, da mellor da cita, no 13, nunha perda ferrolá nas proximidades da área. Estaba aí o gol laranxa; Chemi tentou sorprender en balón longo a Imanol, non o conseguiu e aproveitou o Pescados Rubén Burela FS, no minuto 15, para adiantarse cun remate de Iago Míguez, sen que Álex Ares e Chemi puideran evitalo. Os do Mariskal apostaron por xogo de cinco, con Renato. A falta de 14 segundos para o descanso, o 12 burelista viu a segunda amarela e expulsión, nun corpo a corpo con Isma. Aínda así, os de Juanma Marrube tiveron o segundo sobre a bucina, cun lanzamento de Pope á escuadra que evitou a portería.


O Parrulo voltou máis que enchufado e sobre todo con moito acerto. Conseguiu darlle a volta ao electrónico en tan só 15 segundos, entre os minutos 21 e 22, con Isma e máis tarde Chemi. Iago, Joselito e Matamoros buscaron o empate no 23, con moito perigo pero tamén escasa fortuna fronte a Chemi. Definitivamente, o porteiro ferrolán tiña a tarde; volveu desartellar as tentativas mariñás, con R. Vargas en recuperación e despois ante Juanfran desde saque de Pope. No 31, Edu sacou unha man providencial para evitar o terceiro do Parrulo ante Isma pero nada puido facer na falta materializada por Adri, segundos despois. O Pescados Rubén non cesou no seu empeño. Iago, dende chegada de Joselito, serviulle unha preciosa a Juanfran ao segundo pau, que se lle foi alta ao murciano (minuto 32). A falta de 7’12” para o final, Matamoros liderou o xogo de cinco, xerando e xerando, pero foron os de Diego Ríos os que atoparon o 4-1, no 35, nun roubo de Adri, á escuadra. Rubi Lemos evitou a remontada laranxa e despois Chemi ante a incursión de Joselito. Seguiu apostando o Burela polo porteiro xogador. O máis que merecido 4-2 chegou a falta de 1’27” con Lucho e a tan só 13 segundos o 4-3, con Joselito, sen deixar de pelexar ata o último suspiro.



Ficha técnica


O Parrulo Ferrol FS: Chemi, Isma, Adri, Rubi López, Attos, cinco inicial; tamén xogaron Diego Núñez, Miguel, Rubi Lemos, Miguel Caeiro, Álex Ares

Pescados Rubén Burela FS: Imanol, Lucho, Iago Míguez, Luisma, Porto, cinco inicial; tamén xogaron Juanfran, Pope, R. Vargas, Renato, Matamoros, Joselito, Edu,

Goles: 0-1, minuto Iago Míguez; 1-1, minuto 21, Isma; 2-1, minuto 22, Chemi; 3-1, minuto 31, Adri; 4-1, minuto 35, Adri; 4-2, minuto 39, Lucho; 4-3, minuto 40, Joselito

Árbitros: Cid Bragado // Martínez Torres. Polo Parrulo amarela a Diego Ríos (minuto 18), Attos (minuto 19), Illi (minuto 19), Isma (minuto 20), Rubi López (minuto 33). Por Burela amarela a Renato (minuto 18 e 20), Lucho (minuto 34), Joselito (minuto 34).

Incidencias: Partido correspondente á final de XXVIII Copa Galicia, disputado nas Pontes. Xunto ao presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, Carlos Méndez e Pablo Prieto, participaron na entrega de trofeos o presidente do CGAFS, Jacinto Artigas; o concelleiro de Deportes das Pontes, Chicho Tembrás; o presidente do Esteo FS, Francisco Fernández Pardo; o secretario do Parrulo Ferrol FS, José Naveira; e o presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores