Noticias
12 de abril de 2019
Chega o Clásico a Burela, por fin
O Pescados Rubén Burela FS vivirá a xornada 25 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo este sábado recibindo o Clásico en Tarde Laranxa, o Futsi Atlético Féminas, ás 20.00 horas, con emisión en directo de TVG2. A falta de seis finais, tan só tres puntos separan a primeira praza mariñá da segunda madrileña.

“Vivín o mellor e o máis triste fronte ao Futsi e defendendo a este club, pero quédome cos grandes momentos e loitarei para que este sábado se repitan. Sen dúbida, é o Clásico máis coñecido da liga española”, reflexionaba así a burelista que máis coñece o rival, a porteira Jozi.

As Guerreiras Laranxas chegan á cita encadeando 14 vitorias; só cederon puntos na décima xornada, precisamente fronte a Futsi (5-2). Pola súa banda, as madrileñas deixaron escapar puntos cos empates de Ourense (2-2, xornada 1), Móstoles (2-2, xornada 7) e Alcorcón (3-3, xornada 15). “Temos moita ilusión esta tempada. Levamos traballando toda a tempada para chegar a este punto, chegar ao final con posibilidades de ser campioas. Sabemos que é unha cita moi importante, o que gañe o sábado terá unha gran baza para converterse en campión, aínda que non é definitivo. Estamos concentradas para chegar ao sábado e non cometer erros”, explicaba a brasileira.

Jozi confía nas posibilidades do seu equipo e no apoio da bancada: “Respírase un ambiente especial. Estamos ilusionadas, pero tamén confiamos no noso traballo para afrontar con garantías este partido. Temos un gran grupo, vimos traballando ben e o que reina son as ganas por que chegue xa o sábado e gozar deste gran duelo” confesaba a meta, que espera, como de costume, unha loita de titáns, cun Vista Alegre asolagado de laranxa: “Somos dous equipos con moita forza. Creo que se volverá ver un partido de pequenos detalles onde a concentración será clave”.

A escuadra de Julio Delgado e Lucas finalizará a preparación da semana hoxe ás 11.00 horas, con todos os seus efectivos, excepto Cris, que será intervida do seu xeonllo o vindeiro martes.

Convocatoria Peixes Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 7. Peque, 8. Cami, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Alves, 12. Ana Romero, 14. Bea Mateos, 18. Popó, 19. Lucía

Claudia Pons, invitada de luxo na Tarde Laranxa

A Bomboneira contará coa seleccionadora nacional, Claudia Pons, como invitada de luxo na Tarde Laranxa, que arrincará ás 17.30 horas coa gran cita de Segunda LNFS de Pescados Rubén fronte ao Noia Portus Apostoli, en busca do gran soño da elite.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores