Noticias
8 de febreiro de 2019
A Tenerife para recuperar as boas sensacións
Os pupilos de Juanma Marrube chegarán esta tarde ás illas Canarias, no coliderado de Segunda LNFS (42 puntos), para medirse mañá ao pechacancelas da táboa, Dimurol Tenerife FS (1 punto). Un destino, a priori moi apetecible para recuperar as boas sensacións. A cita da xornada 20 poderá seguirse a través de lnfsdirecto.es a partir das 19.00 horas (hora peninsular).

LIGAZÓN. PARTIDO EN DIRECTO

“Era moi difícil manter a imbatibilidade toda a liga. Hai días nos que saen as cousas torcidas, o balón non quere entrar e o rival vén moi motivado… é un cúmulo de factores. Isto nunha liga é o normal, pero quedará tan só nunha anécdota. Agora estamos centrados en Tenerife; imos coas mesmas ganas de sempre a polos tres puntos. Quedan 11 partidos e sexa o rival que sexa temos que sacar os tres puntos sempre” explicaba José Antonio Capón, Porto, no seu regreso á convocatoria laranxa, tras a perda da imbatibilidade fronte ao Bisontes (0-4) a semana pasada.

“Esta semana valeunos para ter aínda máis presente que nesta liga non te podes relaxar en ningún momento, calquera equipo te pode poñer en apuros. Sabemos que temos que seguir co noso traballando, loitando polo que queremos, e que non vai ser doado” puntualizaba con optimismo o 7 do Pescados Rubén Burela FS, sen ningún tipo de relaxación ante o novel Dimurol, que está competido moi ben pero ata o momento só puido puntuar na xornada 17, precisamente co verdugo dos de Juanma Marrube, o Bisontes (1-1): “É un equipo que sae sempre a presionar e a morder e máis coa motivación extra de medirse ao colíder. Nós estamos concienciados da nosa identidade, estamos traballando ben e imos dispostos a non dar opcións para que se metan no partido” confesaba con optimismo o ala de Portomarín. “Temos que facer un bo partido y saír coas mellores sensacións de Tenerife para afrontar o resto das xornadas, que arrincarán coa visita do Betis a Vista Alegre a vindeira semana, da mellor maneira” adiantábase así ao gran duelo do sábado 16, cos andaluces, na pugna pola primeira praza.

Na primeira volta os laranxas venceron 5-0.


Non formará parte da expedición Pitero, que continúa co proceso de recuperación da pubalxia, nin Hélder, por decisión técnica.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol CD
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores