Noticias
24 de xaneiro de 2019
O líder fronte ao gol de ElPozo
O Pescados Rubén Burela FS xa está en terras levantinas para abrir mañá a xornada 18 de Segunda LNFS (20.30 horas). O Palacio dos Deportes de Murcia poñerá a proba o liderado dos laranxas co potencial goleador de ElPozo Ciudad de Murcia, que custodia a quinta praza, sendo un dos máximos artilleiros da categoría, empatado con Betis con 65 dianas e fronte ás 69 dos de Juanma Marrube.

”Será outro partido moi igualado, contra un equipo moi novo e descarado, que non ten nada que perder, que este ano non está inmerso en conseguir o título e que chegará moi motivado fronte ao líder e con ganas de romper a nosa imbatibilidade. Domina moito o xogo de 3-1 e 4-0 e poñeránolo moi difícil” advertía Luisma dun conxunto que na casa só perdeu con Córdoba (3-4, xornada 8) e Gran Canaria (5-6, xornada 12), e agora mesmo está situado a 12 puntos do cume.

Na ida o marcador caeu do lado galego por 4-1. O pivote rioxano espera máis equilibrio e dificultade para mañá: “Aquí tamén foi igualado, aínda que estivemos moi acertados de cara a portería. Alí, na súa pista, vai ser máis difícil; os dous equipos evolucionamos bastante e a igualdade vai ser clave no partido”.

Luisma foi o artífice do empate da semana pasada ante Mengíbar na recta final do encontro (1-1), un punto que conseguiu manter os laranxas invictos e na primeira praza. “Este ano estamos sumando máis todos nese aspecto e o sábado tocoume a min. Foi un punto importante, para seguir invictos, aínda que Manzanares e Betis se achegaron na clasificación” advertía o 6 laranxa, destacando o traballo e sacrificio de todo o equipo, crendo en si mesmo en todo momento, para non deixar escapar o partido: “O equipo está confiado, deu un paso adiante en mentalidade; non estivemos acertados na finalización pero intentámolo ata o final e chegou. Así que imos con moita enerxía e ganas para conseguir os tres puntos abrindo a xornada e os rivais directos se vexan condicionados pola nosa vitoria” explicaba Luisma. Manzanares, empatado a 39 puntos cos mariñáns, visitará o sábado ao Mengíbar, cuarto con 32; pola súa banda, Betis, ocupando a terceira praza con 36, desprazarase a Castellón o domingo para medirse ao noveno (24 puntos), Bisontes.

Juanma Marrube non poderá contar con Pitero, que continúa recuperándose da súa pubalxia, nin con Renato, que cumprirá o partido de sanción tras a expulsión da semana pasada.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol CD, 30 Hélder
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores