Noticias
19 de xaneiro de 2019
Campioas de Inverno
Bo inicio da Tarde Laranxa. O Pescados Rubén Burela FS pecha a primeira volta como campión de inverno tras o contundente 8-1 na visita do pechacancelas de Primeira, Femisport Nou Escorial a Vista Alegre.

Estábano intentando as laranxas e conseguírono coa saída de Dany á pista, no minuto 5, finalizando un pase de Peque. Antes, no 3, Vieites puxo a proba con perigo a Ana Romero, con excelente resposta da murciana. A 3 laranxa volveu estar moi oportuna, servindo de apoio para Cami no segundo gol, que subiu ao electrónico no minuto 8. Aos poucos segundos, Lara Balseiro selou o 3-0 tras un erro de saída das catalás. O pau, no minuto 11, evitou o cuarto local, nas zapatillas de Alves. Bea Mateos celebrou o seu regreso ás pistas no 19 co 4-0. Antes, Cami enfundara a camiseta de porteira xogadora para poñer en práctica algunhas probas de Julio Delgado. O contundente 5-0 chegou a 7 segundos da bucina do descanso, en propia porta de Collado tras rexeite a tentativa de Lara Balseiro.

Femisport recortou a fenda ao comezo da segunda parte, ao minuto e medio de xogo por mediación de Marta. A tan só 20 segundos, o largueiro bloqueou o sexto nun mísil de Alves; a 11 laranxa non se conformou e materializouno na seguinte oportunidade, no minuto 23, cun disparo afastado raso. Con 6-1, a moza Lucía, de Comarcal A Fervenza FSF, saltou á cancha para defender a rede das mariñás; na primeira parte xa o fixera a súa compañeira ferrrolá Claudia. Chegou a avalancha burelista; asediaron a meta catalá Cristina, Luci e Dany; a coruñesa foi a encargada de subir o 7-1, no 26. Alves tivo o oitavo no 36, contra o pau. Peque, asistida por Jenny, asinou o definitivo 8-1, a pouco máis dun minuto para o final.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Peque, Cami, Alves, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Dany, Lara, Jenny, Cristina, Bea Mateos, Claudia, Lucía

CFS Femisport-Nou Escorial: Mariona, Carri, Marta, Sandra, Vieites, cinco inicial; tamén xogaron Merions, Collado, Anna, Luján

Goles: 1-0, Dany, minuto 5; 2-0, Cami, minuto 8; 3-0, Lara Balseiro, minuto 9; 4-0, Bea Mateos, minuto 19; 5-0, Collado (p.p.), minuto 20; 5-1, minuto 22, Marta; 6-1, Alves, minuto 23; 7-1, Luci, minuto 26; 8-1, Peque, minuto 39.

Árbitros: Novoa García // Guntín Garrido (Galicia). Por Burela, amarela a Jenny (minuto 17); Cristina (minuto 36); Claudia

Incidencias: Partido correspondente á xornada 15 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo disputado en Vista Alegre ante preto de 500 persoas. A Bomboneira gardou un minuto de silencio polo falecemento de Tomás Mateos Ruano, avó da capitá, Bea Mateos.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores