Noticias
17 de xaneiro de 2019
Solidez defensiva de Mengíbar fronte á imbatilidade burelista, Tarde Laranxa
Vista Alegre xa ten todo a punto para a primeira Tarde Laranxa de 2019. Os pupilos de Juanma Marrube recibirán o Software DELSOL Mengíbar na xornada 17, de Segunda LNFS, o sábado, ás 20.00 horas, pechando a tarde que arrincará con Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo, ás 17.00 horas co duelo de contrastes entre a primeira praza das de Julio Delgado e Lucas e a última de Femisport Palau.

“Vai ser complicadísimo. Mengíbar ten unha gran solidez defensiva; é o terceiro equipo menos goleado da categoría. Será un partido que se decidirá en pequenos detalles, no que a concentración e a orde serán determinantes e decisivas” advertía Iago Míguez, do conxunto do ex–burelista Colacha, destacando o empate con outro dos candidatos ao ascenso, Real Betis Futsal (1-1), co que estreou a segunda volta: “Van vir extramotivados e con ganas para facer bo ese punto da semana pasada intentando sacar algo na pista do líder”, falaba así o burelista do cuarto clasificado da táboa (31 puntos), que intentará rematar coa imbatilidade dos mariñáns (38 puntos).


O 5 laranxa volveu ás pistas a semana pasada na pista de Gran Canaria, afastado das pistas dende pretempada por unha tendinopatía rotuliana. Fíxoo ao grande, con minutos, vitoria (1-5) e dous goles: “Sentinme moi contento. Levaba moito tempo fóra do terreo de xogo e xa devecía por sentirme de novo xogador profesional, volver sentir esa sensación de felicidade de gañar e de contribuír ao equipo” confesaba o burelao, agardando con emoción a súa volta a Vista Alegre, no que será o seu primeiro partido oficial de laranxa na casa tras a volta ao equipo este verán: “Estou ansioso por volver defender a camiseta do Burela na miña casa e diante da miña xente. Será un partido moi especial, pero intentarei afastar eses sentimentos de emoción para centrarme ao máximo no partido e na pista”, explicaba o ala.

“Espero un pavillón ateigado de xente laranxa este sábado, que vaia divertirse con nós. Os dous equipos estamos facendo un gran traballo, estamos líderes e estou seguro que coa forza da afección e a nosa entrega poderemos sacar os tres puntos nas dúas competicións, moi importantes para seguir na primeira praza”, concluía Iago Míguez.

Se non hai cambios de última hora a única ausencia no vestiario laranxa será Pitero, por unha pubalxia. A última sesión de adestramento está prevista para mañá pola mañá, ás 10.30 horas, en Vista Alegre.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Lucho, 5. Iago Míguez, 6. Luisma, 7. Porto, 10. Matamoros, 11. Juanfran, 12. Renato, 14. Pope, 15. R. Vargas, 23. Imanol CD, 30 Hélder

Entrada única para a Tarde Laranxa


A Bomboneira estreará 2019 con Tarde Laranxa. Haberá entrada única, para non soci@s, que poderán presenciar os dous partidos de líderes por tan só 10 euros; para os/as menores de idade a entrada será gratuíta.


Zona Infantil e Merenda Doce


Os máis pequenos/as poderán gozar un sábado máis de Zona Infantil, con talleres e fotomatón. Ademais, a afección tamén poderá combater as temperaturas do inverno cunha merenda doce, con chocolate con churros, por tan só 2 euros/ración.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores