Noticias
13 de decembro de 2018
Os de Juanma Marrube despiden 2018 na casa con Elche (venres 14, 20.30 horas)
Vista Alegre adianta a xornada 14 de Segunda ao venres para medirse ao Axa Hita Port Elche (20.30 horas). Os de Juanma Marrube despedirán os seus compromisos na casa de 2018 fronte ao décimo da táboa, co obxectivo de manterse fortes no mausoleo laranxa, cunha traxectoria sen erro.

“É un rival forte, bastante máis do que pode reflectir a clasificación e nós se queremos sacar algo positivo teremos que dar o mellor de nós” aseguraba o murciano Juanfran, tras a gran cita do derbi na pista do Noia (2-9): “Foi un partido moi completo; sabiamos que non ía ser doado e non foi así nos primeiros momentos ata que conseguimos romper o partido” recordaba o 11 burelista, incidindo na fortaleza da Bomboneira: “Queremos pechar 2018 manténdonos invictos e que Vista Alegre reciba o Nadal cun bo sabor de boca aínda que non será doado. Elche é un equipo moi intenso, que se coñece, con xogadores que apenas che deixan que penses co balón nos pés, que van ao contacto, e ademais con referencias experimentadas, como Juanito, Kiwi, Rubi. A clave estará en minimizar os erros”.

Para o ala laranxa o gran segredo da imbatilidade e o liderado dos mariñáns céntrase no traballo e a cohexión, pensando paso a paso: “Estou moi contento. Sentinme moi arroupado por todos os compañeiros desde o principio, tanto dentro coma fóra da pista. Somos un equipo na cancha pero tamén somos unha familia; á parte do traballo técnico-táctico da pista tamén somos unha piña fóra. O liderado é un propósito que nos puxemos a principios de tempada, pero pensando en ir partido a partido. O paso das xornadas mantívonos arriba; iso é reflexo dun bo traballo” valoraba Juanfran.

O último adestramento da semana será mañá ás 10.30 horas, en Vista Alegre. Se non hai cambios, Juanma Marrube dispoñerá de todos os seus efectivos, a excepción de Iago Míguez, que aos poucos se vai incorporando á dinámica de grupo, tras varios meses afastado por unha tendinite rotuliana.

Betis, a 2 puntos

Con 29 puntos, Real Betis Futsal preséntase como o rival directo dos laranxas unha xornada máis. Esta semana recibirá o Barcelona B, que chegará a Amate, na quinta praza, empatado a 24 puntos co cuarto, Mengíbar.


Huchas Solidarias para o Xoguete Novo de Cruz Vermella


A Bomboneira habilitará huchas solidarias desde as 19.30 horas, coa colaboración de voluntariado de Cruz Vermella, para que os afeccionad@s fagan os seus donativos para a Campaña de Xoguete Novo. Coa dita recadación, Cruz Vermella e Pescados Rubén Burela FS adiantaranse a Papá Noel e os Reis Magos para escoller xoguetes e facer posible que cada un dos máis de 30 nen@s do programa de axuda de Cruz Vermella de Burela reciban o agasallo novo que pediron a Laponia ou ás Súas Maxestades de Oriente nas cartas.

Zona Infantil


Unha semana máis a Zona Infantil Laranxa abrirase para os máis pequenos, desde as 20.00 horas, con inchables e obradoiros.

Sorte Laranxa


As últimas papeletas da Sorte Laranxa para este Nadal, co número 69793, estarán dispoñibles ata mañá, venres 14. Aquelas persoas que aínda non teñen o número poden adquirilo na oficina do Pescados Rubén Burela FS (Avda. Arcadio Pardiñas, 97, entreplanta, Burela) ou no pavillón Vista Alegre, coincidindo co partido.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores