Noticias
31 de outubro de 2018
Un favorito ao ascenso, obstáculo en Copa Galicia
Vista Alegre recibirá mañá o Valdetires FSF no segundo e último partido de fase de grupos de XIII Copa Galicia Feminina (18.30 horas). “Temos moitas ganas de xogar a Copa. Quedounos a espiña o ano pasado e estamos traballando para facer un bo partido e garantir a clasificación para a próxima fase”, facía referencia unha das capitás burelistas, Jozi de Oliveira, á definitiva loita polo título irmandiño do ano pasado, que se escapou no último suspiro fronte a Poio Pescamar FSF.

As laranxas, tras o 1-7 fronte ao Fisober FSF, xogan o pase á final con esta cita. Pola súa banda, as ferrolás, que chegarán a Burela liderando o Grupo 1 de Segunda, tamén saíron vitoriosas do seu enfrontamento co rival de Primeira Autonómica (5-0). “É un bo equipo, somos conscientes e merecen todo o noso respecto, pero debemos saber como impoñer o noso xogo. Somos favoritas neste partido e temos que demostralo” matizaba a 1 burelista.

Será o primeiro dos dous compromisos que o Pescados Rubén Burela FS deberá encarar esta semana. Para Jozi, a ilusión pola comeptición e a boa senda en liga superarán o posible lastre do cansazo: “Levamos un bo traballo na liga, co engadido de que o sábado puidemos recuperar a Peque. Podemos acusar o cansazo pero hai tempo para recuperarnos. Temos que gozar e aproveitar o partido para seguir medrando” aseguraba a brasileira, que volverá saltar ao parqué xa o sábado xunto a todas as Guerreiras Laranxas, na 5ª xornada ligueira, coa visita do Leganés Masdeporte (Vista Alegre, 17.00 horas) para abrir a Tarde Laranxa.

A última sesión das mariñás antes de Copa será esta tarde, ás 18.30 horas.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Cristina, 6. Cilene, 7. Peque, 9. Jenny, 10. Lara Balseiro, 11. Alves, 12. Ana Romero, 19. Luci

Cita solidaria


A recadación da taquilla irá destinada á Protectora de Animais Bigotes de Burela
, asociación que tamén realizará unha recolleita de penso e area para gatos en Vista Alegre durante o encontro. “É un pequeno xesto. Unha forma de contribuír cos colectivos que axudan á sociedade, que coidan a nosa contorna e protexen os animais”, pedía así Jozi a colaboración da afección laranxa.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores