Noticias
24 de outubro de 2018
O Pescados Rubén e o Club de Baloncesto de Burela, xuntos no impulso da base
O Pescados Rubén Burela FS e o Club de Baloncesto Burela únense para impulsar a formación de base. O presidente laranxa, Manuel Blanco, recibiu hai uns días o seu homólogo, Rogelio Cayón, para pechar os detalles dun convenio a través do que as dúas entidades promoverán de forma conxunta a práctica deportiva en igualdade, reforzando a dinamización do deporte na vila en idades temperás.

Na devandita xuntanza, Manuel Blanco e Rogelio Cayón mostráronse satisfeitos e ilusionados con este novo percorrido que inician da man o fútbol sala e baloncesto de Burela. “Con este convenio o que gaña é o deporte e os máis pequenos. O CB Burela é unha referencia en igualdade, preto do 40% do seu alumnado son rapazas; para nós é un orgullo poder traballar coa experiencia dun club que leva dedicándose á formación de base dende 1993” aplaudía o presidente laranxa, coincidindo con Rogelio Cayón: “A unión sempre fai a forza. Para nós a estrutura e profesionalidade do Pescados Rubén será un apoio moi importante”.

Ambos os clubs, que compartirán imaxe na presente tempada coa indumentaria de paseo de Joma en laranxa e negro, desenvolverán un programa con torneos e xornadas de convivencia; tamén compartirán recursos en desprazamentos e organización de eventos. No apartado formativo, o CB Burela contará co apoio de profesorado do Pescados Rubén Burela FS en sesións específicas de coordinación para as categorías más pequenas e ambas as dúas entidades se retroalimentarán nos seus respectivos soportes informativos e de visibilidade.

Preto de 300 rapaces/as beneficiaranse deste convenio. Cunha traxectoria de 25 anos, máis de 120 nenos/as compoñen a estrutura do CB Baloncesto na actualidade, entre a categoría Prebenxamín (5 anos) e Xuvenil (18 anos), con competicións en ligas provinciais federadas e liga galega. Arredor de 140 pequenos/as, de entre Biberón (3 anos) e Xuvenil (19 anos), forman a Base Laranxa, con compromisos en Liga da Mariña Biberón e Prebenxamín, Deporte Escolar na Mariña e A Terra Chá, Liga Autonómica e División de Honra Xuvenil, aos que se suma Primeira Galicia Feminina.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores