Noticias
23 de outubro de 2018
O Pescados Rubén despídese de Copa ante Magna (1-3) nun partido intenso e ordenado
O Pescados Rubén Burela FS despediuse esta tarde do seu periplo de Copa do Rei dando a cara ante o gran potencial do Osasuna Magna, de Primeira División. Co 1-3 ao descanso, os de Juanma Marrube dispuxeron de superioridade, porteiro-xogador e un dobre penalti, sen éxito na finalización.

Eric Martel adiantou os rivais dunha falta sacada por Álex Diz no minuto 6. As chegadas foran de Magna ata o momento con boas intervencións de Imanol baixo paus. Os laranxas non tatexaron e aproveitaron a súa primeira oportunidade nas zapatillas de Renato, en xogada iniciada por Luisma e a pase de Juanfran. Roldando a medianía do primeiro acto, os de Imanol Arregui volveron adiantarse con Roberto Martil asistido por Dani Saldise. A falta de case tres minutos e medio para o descanso, tivo o empate Juanfran; o murciano levantou a bancada cunha gran galopada que se foi moi alta. Tras o 1-3, con 1’17” aínda por diante, Luisma enfundou a camiseta de porteiro xogador. Imanol salvou co pé nos últimos segundos o que podería ser o cuarto do Magna, en tentativa de Bynho.

No 24, o Magna quedou en inferioridade por dobre amarela a Eric Martel, pero os mariñáns non conseguiron facer dano. No minuto 29 e logo dunha chegada moi perigosa de Juninho, R. Vargas saltou á pista para liderar o xogo de cinco dos laranxas. Pouco despois Renato intentou sorprender de lonxe, fronte a un acertado pé do Edu navarro. Non cesaron no seu empeño con porteiro xogador os locais, pero a fortuna non estaba do seu lado. No 38 e con acumulación de faltas para os visitantes, ao 12 galego fóiselle moi alta, de dobre penalti. Antes de chegar ao último minuto, Juanfran non puido sorprender a Edu, con Pope fronte ao meta visitante. Pelexaron os de Juanma Marrube ata a extenuación, con outra magnífica do 11 burelista, que se foi moi alta.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Imanol CD, Porto, Pitero, Pope, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Lucho, Luisma, Juanfran, Renato, R. Vargas

Osasuna Magna: Edu, Roberto Martil, Dani Saldise, Eric Marte, Chino, cinco inicial; tamén xogaron Juninho, Llamas, Bynho, Álex Diz, Iribarren

Árbitros: Martínez Torres // Cid Bragado (Galicia). Por Burela amarela a Imanol (minuto 6), Pitero (minuto 28). Por Magna, dobre amarela a Eric Martel (minuto 24), amarela a Llamas (minuto 29), Asier

Goles: 0-1, minuto 6, Eric Martel; 1-1, minuto 6, Renato; 1-2, minuto 10, Roberto Martil; 1-3, minuto 19, Chinés

Incidencias: Encontro correspondente á segunda eliminatoria de Copa do Rei disputado en Vista Alegre, ante máis de 600 persoas, que contou coa presenza do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e o deputado do Área de Deportes, Pablo Rivera, así como o responsable de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, e o presidente do CD Lugo, Tino Saqués, entre outras personalidades.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores