Noticias
20 de outubro de 2018
Os laranxas arrebátanlle a primeira praza ao Betis (3-5)
Os laranxas son os novos líderes de Segunda LNFS tras desbancar da primeira praza esta tarde ao Real Betis Futsal (3-5), o gran favorito ao ascenso, que recibiu os galegos con gran presión dentro e fóra da pista. Malia adiantarse no marcador, o Pescados Rubén Burela FS chegou ao descanso con 2-1, un resultado adverso ao que conseguiu darlle a volta mostrando a súa superioridade ante os locais, dando un paso adiante en valentía, solidez e orde.

Comezaron moi ben os do Mariskal, adiantándose no minuto 2, en erro de saída de balón dos béticos, que recuperou Renato na banda cun potente disparo ante un Cidao adiantado. Os locais conseguiron igualar a contenda no minuto 9, nun penalti que materializou Borja Blanco, tras a amarela a Edu. Burrito, nunha tarde pletórica, a punto estivo de adiantar os andaluces no minuto 14, estrelándose contra o pau tras unha recuperación; o ex dos laranxas xa tivera unha similar, sen éxito. Antes, no 12, Pope topouse en banda esquerda con Cidao. En xogo de cinco, con Cidao adiantado, os de Daniel Ibañes puxeron o 2-1 nun roubo de Burrito na pista laranxa, que culminou Tobe en parede con Elías. Poucos segundos despois, os galegos tiveron nas zapatillas de Luisma o empate, tras saque de esquina que pegou de lonxe Porto.

Os galegos, dando un paso adiante na xestión de balón, devolveron o empate, 2-2, no minuto 25, con Pope. Tan só un minuto despois dispuxeron dun penalti a favor, que liquidou Mario Almagro. No ecuador do segundo acto, chegou o minuto de ouro para os de Juanma Marrube, co 2-3 de Hélder e 2-4 en propia porta de Elías. Recuperouse levemente o Betis cunha volea de Borja Blanco para o 3-4. A falta de dous minutos, foi o 3 andaluz o encargado de liderar o xogo de cinco, pero os laranxas non estaban dispostos a ceder nin un só ápice a súa traballada e merecida vantaxe; foi Edu, moi atento, o que deu a serenidade necesaria aos seus compañeiros para afrontar os últimos compases con firmeza, ampliando a fenda a porta baleira co definitivo 3-5 no 39.

Martes 23, Copa do Rei en Vista Alegre

Os de Juanma Marrube recibirán xa este martes o Osasuna Magna, de Primeira División, na segunda eliminatoria de Copa do Rei (21.00 horas). A venda anticipada, habilitada na sede laranxa, estará dispoñible o luns (10.00-14.00 horas// 16.00-19.00 horas) e martes (ata as 14.00 horas). Vista Alegre abrirá a taquilla ás 20.00 horas.

Con cada consumición do bar da Bomboneira, os afeccionados/as poderán saborear un bocadillo de chourizo á grella (ata fin de existencias).

Ficha técnica


Real Betis Futsal: Cidao, Bellvert, Ivi, Víctor López, Eric, cinco inicial; tamén xogaron Elías, Tobe, Burrito, Borja González, Borja Blanco, Oriol Miquel

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Renato, Pope, R. Vargas, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Porto, Lucho, Juanfran, Luisma, Pitero

Goles: 0-1, minuto 2, Renato; 1-1, minuto 9, Borja Blanco; 2-1, minuto 19, Tobe; 2-2, minuto 25, Pope; 2-3, minuto 30, Hélder; 2-4, minuto 30, Elías (p.p.); 3-4, minuto 30, Borja Blanco; 3-5, minuto 39, Edu

Árbitros: Mayo López // Panadero Díaz-Concha (Colexio Madrileño). Por Betis amarela a Jorge Bellvert. Por Burela amarela a Edu (minuto 9), Renato, Pope.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 6 de Segunda LNFS disputado en Amate.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores