Noticias
6 de outubro de 2018
Posta de gala con tres puntos e liderado
O Pescados Rubén Burela FS estreou a liga esta tarde en Vista Alegre con outra vitoria, e de novo portería a cero, tirando de oficio, malia as ausencias, para impoñerse a un novo na máxima categoría, AD Sala Zaragoza, que chegou á Bomboneira sen especular. Ás pupilas de Julio Delgado e Lucas chegoulles a primeira parte, para o 2-0, resultado que lles outorga o liderado, con 6 puntos e empatadas con Peny Esplugues.


Xa sen a posibilidade da estrea de Peque en Vista Alegre, lesionada na Coruña a semana pasada, comezaron con malas noticias as da Mariña; antes do segundo minuto de xogo Cami tivo que retirarse a pista, cunha máis que posible escordadura de xeonllo.

Intentaron dominar as burelistas fronte a un recentemente ascendido que se plantou na pista laranxa con valentía e atrevemento, aínda que pecou de falta de experiencia na finalización. No 13, Jenny dispuxo de dúas ocasións de ouro para adiantar as burelistas, a pase de Luci; a primeira, a porta baleira, fóiselle demasiado e non chegou por moi pouco á segunda. Pero dous minutos despois unha das caras novas, a internacional Cristina, estivo moi atenta para sentenciar fronte a Yarie co rexeite a tentativa de Cilene desde a banda. No 18, Lara Balseiro subiu o 2-0 de disparo afastado. Luci, a falta de 33 segundos para o descanso, dispuxo doutra moi boa.

Volveron ao parqué as burelistas dispostas a manter a renda, con cambio de Ana Romero por Jozi baixo paus. Dany e Cristina, antes do ecuador, dispuxeron dunhas das mellores ocasións fronte a un rival que viu minguada a súa proposta de xogo ante a ausencia de Rapha, por molestias.

A próxima semana tocará duelo con Móstoles, xornada na que Julio Delgado e Lucas poderán volver ao banco tras cumprir os dous partidos de sanción da expulsión na final de Copa de España Cádiz 2018.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Cami, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Lara Balseiro, Cristina, Cris, Jozi

AD Sala Zaragoza FS: Yarie, Jessica, Sarah, Boix, Rapha, cinco inicial; tamén xogaron Lioba, Martica, Rivera, Merino, Rocío,Tania

Goles: 1-0, minuto 15, Cristina; 2-0, minuto 18, Lara Balseiro

Árbitros: Castro Nantes // Sierra Márquez (Galicia). Por Burela amarela a Jozi (minuto 23), Dany (minuto 20). Por Zaragoza amarela para Jessica (minuto 20), Merino (minuto 24).

Incidencias: Partido correspondente á xornada 2 de Primeira RFEF disputado no pabellón Vista Alegre ante unhas 600 persoas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores