Noticias
5 de outubro de 2018
Todo preparado en Vista Alegre para o debut das Guerreiras Laranxas
As Guerreiras Laranxas abrirán a liga, mañá, na xornada 2 de Primeira RFEF coa visita do AD Sala Zaragoza (Vista Alegre, 18.30 horas). O Pescados Rubén Burela FS 2018-19 debutará no mausoleo mariñán fronte a un recentemente ascendido tras o triunfo inaugural na pista do Viaxes Amarelle FSF (0-6), outro dos noveis.

“Empezar a liga con vitoria é moi importante para nós. Este sábado tocaranos outro ascendido do que non temos moitas referencias; tivo un inicio difícil, coa derrota 0-7 fronte ao actual campión de liga, Jimbee Roldán, pero chegará a Burela coa ilusión de xogar na máxima categoría e de empezar a medrar nela” advertía Cilene Pereira Paranhos, pichichi e recoñecida mellor xogadora 2017-18 co Trofeo Viceroy de Kessarys Joyeros. “Foi unha gran tempada, non me esperaba que fose tan boa. Só desexo que este ano sexa igual ou ata mellor a nivel persoal e sobre todo como equipo” puntualizaba a brasileira.

As pupilas de Julio Delgado e Lucas deben encomendarse á concentración, para non deixar nada ao azar: “Temos que estar concentradas desde o primeiro momento para non ter ningunha sorpresa. Sempre fomos un equipo moi forte na casa e esperamos manter estes sinais de identidade en 2018-19, que nos darán confianza e solidez tamén para fóra e así poderemos pensar en cousas grandes e pelexar por títulos” adiantaba Cilene.

Antes da súa primeira cita ante a Bancada Laranxa, a 6 burelista aposta por un ano de éxitos, pero cos pés no chan, baseados en traballo, esforzo e dedicación: “Vexo un Burela máis forte coa chegada de Peque, Cristina e Luci, pero temos que demostralo dentro da pista, a base do noso traballo diario e coraxe nos partidos”.

Peque non entrará na convocatoria pola contusión sufrida o sábado pasado no pé esquerdo, na Coruña. Súmanse ao grupo as xogadoras do Comarcal A Fervenza FSF Cris e Claudia.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 4. Cris, 5. Cristina, 6. Cilene, 8. Cami, 9. Jenny, 10. Lara, 12. Ana Romero, 18. Claudia, 19. Luci
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores