Noticias
27 de setembro de 2018
Lara: 'Amarelle virá con ganas de debutar en Primeira e non vai ser un partido doado'
Con tan só 25 anos, a mariñá Lara Balseiro Candia está a punto de comezar a novena tempada na que é a súa casa, o Pescados Rubén Burela FS. O seu será un dos 11 nomes, xunto a Jozi, Dany, Cris, Cilene, Peque, Cami, Jenny, Ana Romero, Bea Mateos e Luci, que pelexarán unha tempada máis por deixar a Familia Laranxa no máis alto de Primeira División RFEF. O espectáculo ligueiro subirá o pano este sábado (18.00 horas, Sagrada Familia, A Coruña), con derbi galego cun rival que regresa á elite despois de tres tempadas: “Calquera equipo che pode poñer as cousas difíciles. Viaxes Amarelle virá con ganas de debutar en Primeira e non vai ser un partido doado. A priori partimos como favoritas, temos moita experiencia na categoría e estruturamos un bloque de calidade; seguramente o rival propoña unha defensa pechada. Nese senso, nós estamos traballando o ataque para facerlles dano”.

A ala viveirense, que conxuga xuventude e experiencia no equipo, súmase ás declaracións de intencións doutras das grandes referencias do vestiario como Jozi ou Dany: “O equipo está moi ilusionado, sabemos e confiamos en que podemos optar a todos os títulos. E eu estou moi contenta de seguir aquí. As miñas expectativas e metas son as mesmas ano tras ano; espero axudar ao equipo a cumprir os obxectivos, xogar o máximo posible para contribuír con todo o que poida” aseguraba Lara, tras un boa pretempada na que “o grupo fixo un gran traballo que se verá reflectido ao longo da tempada”.

Ningunha meta é inalcanzable neste novo proxecto: “Hai motivación extra porque todas somos conscientes que hai un grupo moi bo. Xogamos no Pescados Rubén Burela FS e sempre temos que aspirar ao máximo. As que levamos aquí dende hai tempadas estamos acostumadas a vivir con este obxectivo; o ano pasado quedamos a 1 punto e ese é un perfecto indicativo de que sempre damos o máximo” reafirmaba así Lara a perseverancia e loita incansable tan identificativas das Guerreiras Laranxas, agradecendo de antemán o apoio da Bancada Laranxa tanto en Vista Alegre coma fóra: “Unha parte moi importante deste equipo é a afección, aínda que arrincamos a liga a domicilio, na Coruña poderemos contar con xente nosa na bancada”.

Para a primeira cita ligueira Julio Delgado e Lucas, en principio, disporán de todo o vestiario a excepción de Bea Mateos, intervida en xullo da lesión sufrida na final de Copa de España Cádiz 2018, con rotura de ligamento cruzado anterior, escordadura de ligamento lateral interno e rotura de menisco.

A última sesión da semana está programada para mañá ás 11.00 no pavillón focego de Marzán.

Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Cris, 6. Cilene, 7. Peque, 8. Cami, 9. Jenny, 10. Lara, 12. Ana Romero, 19. Luci
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores