Noticias
25 de setembro de 2018
Dany: 'Esperamos que a liga volva estar igual ou máis emocionante'
Por fin chegou a gran semana. Arrinca a liga de Primeira RFEF e con festa irmandiña. O Pescados Rubén Burela FS desprazarase na primeira xornada a terras herculinas para medirse ao recentemente ascendido Viaxes Amarelle FSF (sábado 29, 18.00, Sagrada Familia). “O ano pasado non se esperaba que estivésemos ata o último partido pelexando pola primeira praza, a tan só 1 punto, e esta tempada está claro, que coas fichaxes de calidade que se incorporan, estamos decididas a pelexar polo título. Esperamos que a liga volva estar igual ou máis emocionante, o resto dos equipos tamén se reforzou e así quen gaña sempre é o fútbol sala feminino”, explicaba a 3 laranxa, Daniela Domingos, xunto ao presidente, Manuel Blanco, e a vicepresidenta, Cesarina Fanego.

Na súa quinta tempada de mariñá, Dany vese na pugna polo título xunto a Roldán, UA Alicante e Atlético de Madrid, “ademais non se poden descartar sorpresas”, explicaba a pivote brasileira, sempre cun grao máximo de autoesixencia: “Espero axudar na adaptación das incorporacións e de todo o grupo e intentarei buscar goles que se convertan en vitorias e por que non chegar ao título”.

O Pescados Rubén e Dany pecharon a pretempada o venres na presentación do Poio Pescamar FSF, con resultado a favor 1-3. “Despedimos a pretempada cunha gran vitoria, fixemos o traballo que nos pediron Julio e Lucas pero tamén sabemos que temos cousiñas que mellorar. Foi un partido equilibrado, de gran intensidade, de moitas finalizacións e boas aparicións das porteiras” explicaba a autora do 1-2, xunto ao dobrete de Peque na cita.

“foi unha pretemporada rara. Houbo xogadoras con compromisos coas Seleccións Nacionais, como Jenny e Peque, tivemos pequenas lesións que interferiron un pouco no traballo completo, pero as ganas están intactas. Con Amarelle será un partido complicado porque será un derbi ante un equipo ascendido, que nos pode sorprender, aínda que estamos traballando para que iso non ocorra e que o labor diario dos nosos adestradores faga xustiza o día do partido”, concluía coa súa habitual forza e coraxe Dany.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores