Noticias
20 de setembro de 2018
JOZI: ‘O Pescados Rubén fixo un grande esforzo esta tempada e nós imos loitar por todos os títulos”
Pouco máis dunha semana queda para o comezo do espectáculo de Primeira RFEF. O Pescados Rubén Burela FS arrincará a liga con derbi irmandiño a domicilio. Será o sábado 29, na casa do Viaxes Amarelle (Sagrada Familia, A Coruña, 18.00 horas). Será o inicio dunha tempada na que as Guerreiras Laranxas irán a por todas: “Temos claro que o Pescados Rubén fixo un grande esforzo e nós imos loitar por todos os títulos. Queremos ser campioas de liga. Sabemos que a tempada é moi longa e que vai ser duro; poñeremos o esforzo cada semana e en cada partido para iso”, explicaba Joziane de Oliveira, cunha década de experiencia na rede laranxa, acompañada polo presidente, Manuel Branco, e o directivo, Auditor Rodríguez.

A porteira brasileira, a máxima coñecedora do vestiario mariñán, comeza unha tempada máis “con moita ilusión coma sempre” co valor engadido dun proxecto avalado pola experiencia e a calidade contrastada: “Este ano temos un grupo moi sólido, repleto de boas xogadoras, xogadoras con experiencia, internacionais do Brasil, España, Portugal. Hai moitas expectativas postas nesta tempada” aseguraba Jozi, na recta final dunha pretempada que deixa moi bo sabor de boca: “Traballamos bastante, xogamos moitos partidos esta pretempada. As sensacións son boas. O equipo medrou cada partido, imos mellorando en moitas cousas, nas ideas de xogo dos nosos adestradores, nas estratexias...”.

Clausura de amigables en Poio

A presentación do Poio Pescamar FSF, mañá, clausurará a axenda de amigables de pretempada para o Pescados Rubén Burela FS (21.00 horas, municipal de Poio). “Será un encontro bonito e moi disputado. É un partido de presentación, pero na casa dun rival que o ano pasado nos arrebatou títulos; será un bo termómetro para poñer a proba todo o que estamos traballando. Ademais será o primeiro encontro no que poderá estar todo o equipo; foi unha pretempada con ausencias, con compañeiras nas seleccións polo Preeuropeo” puntualizaba a brasileira, mirando á liga xa e tamén ao gran rival de Primeira: “Por traxectoria e resultados, o Atlético de Madrid é o rival a bater, non só por títulos senón por fortaleza; mantiveron o bloque e reforzáronse”, concluía a 1 laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores