Noticias
2 de xuño de 2018
A vitoria ante Alcorcón (2-1) outórgalles o bronce de liga ás laranxas
O Pescadso Rubén Burela FS pechou esta tarde a liga no seu mausoleo ante un Vista Alegre entregado. Coa apertada vitoria ante Alcorcón FSF (2-1), as laranxas poñen o broche á competición regular, subindo ao podio, co bronce de 2017-18 (72 puntos) nunha liga na que reina o Jimbee Roldán. As mariñás xa teñen novo horizonte á volta de esquina, o derbi irmandiño, co sexto clasificado, Ourense Envialia, na estrea de Copa de España Cádiz 2018 (8-10 de xuño).

Cun público moi animado, envolto nas Patronais de Burela, as laranxas deixaron as cousas claras desde o principio, buscando a rede de Ana del Río. As mellores ocasións chegaron o minuto 8, por partida dobre, con Cilene facendo tremer o largueiro e Jenny á caza do rexeite, sen éxito. Cami atopou premio pouco despois, no minuto 9, cun disparo raso cruzado. Aínda que non durou demasiado a vantaxe; a falta de 2 segundos para o ecuador do primeiro acto, Vane Sotelo igualou a batalla, superando por arriba a Ana Romero, ao bordo da área, que Bea Mateos case desartellacoa cabeza. A meta burelista estivo moi acertada nas chegadas das madrileñas. O Pescados Rubén intentou recuperar o dominio no marcador nos últimos segundos da primeira parte con xogo de cinco abandeirado por Bea Mateos, aínda que sen éxito.

Regresou a contenda ao parqué con cambio baixo paus, con Jozi e Belén de Uña. As mariñás, con máis decisión, envrcáronse en busca de nova nova vantaxe, fronte a un Alcorcón que intentaba atopar o perigo á contra. No 33, Pipi dispuxo das mellor das visitantes, estrelándose na escuadra. Na recta final, Jozi evitou con destreza o que podería ser o segundo do Alcorcón, nas zapatillas de Anita Luján. Tras unha perigosa de Dany e restando un minuto, Bea Mateos volveu ao terreo de xogo como porteira xogadora e non se fixo esperar o gol da vitoria, da sempre máxica Cilene. Respondeu Alcorcón con cinco tamén, con 50 segundos por diante.

Cilene, Trofeo Viceroy

Antes do asubío inicial, Cilene foi recoñecida co Trofeo Viceroy á Mellor Xogadora da tempada 2017-18, coa valoración xornada a xornada de profesionais, prensa e afección. A 6 burelista recibiu como premio un reloxo Viceroy de mans do gerente de Kessarys Joyeros, Jorge Orosa, acompañado pola vicepresidenta do club, Cesarina Fanego.

Homenaxe a Claudia Rodríguez

As xogadoras burelistas quixeron render unha emotiva homenaxe á súa ex-compañeira Claudia Rodríguez na súa retirada definitiva do mundo do deporte, cunha camiseta do equipo co "dorsal" 210, número de partidos que disputou de laranxa. A focense foi a encargada de facer o saque de honor.


Ficha técnica

Pescadso Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Cami, Bea Mateos, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Julia Forsiuk, Sara Correia, Judith, Jozi

AD Alcorcón FSF: Ana del Río, Isa García, Anita Luján, Irene Samper, Vane Sotelo, cinco inicial; tamén xogaron Sila, Desi, Ana Ribeira, Pipi, Paula, Belén de Uña

Goles: 1-0, minuto 9, Cami; 1-1, minuto 10, Vane Sotelo; 2-1, minuto 40, Cilene

Árbitros: Díaz Arias // Hevia Campa (Asturias). Por Burela amarela a Bea Mateos. Por Alcorcón amarela a Anita Luján (minuto 12),Vane Sotelo (minuto 19)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 30 de Primeira División disputado en Vista Alegre ante preto de 500 persoas, coa presenza do seleccionador de Portugal, Jorge Braz. O equipo laranxa mostrou camisetas en apoio a Aspanovas Bizkaia, asociación de pais de nenos con cancro de Biscaia.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores