Noticias
30 de marzo de 2018
Pescados Rubén Burela FS 4-0 Manzanares
Outro paso adiante cara ao play-off. Importante a vitoria desta tarde para Pescados Rubén Burela FS fronte a Manzanares, nunha tarde na que aos galegos lles pesou en exceso a ansiedade por gañar axiña e iso fixo dano no bo xogo laranxa das últimas xornadas. “Hoxe tivemos exceso de ganas por marcar xa no minuto 1; marcamos axiña, iso deberíanos dar máis tranquilidade, pero non soubemos xestionar a situación de partido. Co segundo gol tiñamos que estar máis tranquilos, pero xerounos máis desorde, imprecisións en pases, permitímoslle atacar ao rival tendo nós a pelota. Aínda que o resultado foi de 4-0, debemos reconducir esa forma de gañar” explicaba Juanma Marrube ao final da xornada 26, satisfeito cos tres puntos, aínda que coa materia pendente da imaxe ofrecida.

Renato abriu a lata xa no minuto 3, a pase de Luisma, subíndoa á escuadra. Vista Alegre viviu un monólogo laranxa de inicio; Colacha dispuxo doutra boa oportunidade, segundos despois, que acabou nas mans do porteiro castelano-manchego. A primeira chegada visitante con certo perigo, aínda que sen moita precisión, chegou no minuto 8. Pouco despois Pepote, coa cara, evitou o segundo local, tras a tentativa de rexeite de Kiki. A segunda dos de Carlos Sánchez, chegando á medianía do primeiro acto e máis envelenada, salvouna Hélder, cando estaba a piques de recibila Jorge Salcedo; e Edu, no 13, resolveu á perfección a tentativa de Pepe. Héctor tivo o segundo nun rexeite de Juni, só ante Pepote, no minuto 16. Renato, na recta final, non puido finalizar por partida dobre.

Chus ampliou a vantaxe no minuto 24, tras unha grande ocasión de Chin para igualar que freou Edu. Cando máis cómodo podía xogar o Pescados Rubén, máis imprecisións cometeu permitíndolle dar un paso adiante ao Manzanares en perigo, con Edu sublime, que volveu bloquear os visitantes no 28 fronte a Juni; Víctor e o pau, no 29 tamén lograron manter a rede burelista a cero. Colacha e Hélder, antes do ecuador da segunda parte, e Pope máis tarde, intentárono sen éxito; Héctor non chegou ao centro de Víctor no 32, e Luisma, no 33, estrelouse contra o pau. No minuto 35, Edu volveu ser decisivo, fronte a Chino e Pichón. A falta de dous minutos e medio e con cinco faltas en ambas as filas, o Burela FS saltou á pista con Chus como porteiro xogador. Así chegou o terceiro, nas zapatillas de Luisma; fíxose esperar 19 segundos. Respondeu coa arma de cinco de Manzanares, co Kiki á fronte. Luisma rubricou o cuarto a falta de 12 segundos para o final, desde saque de esquina de Chus.

Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Luisma, Colacha, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Víctor, Hélder, Chus, Héctor

Manzanares Quesos El Hidalgo: Pepote, Chin, Chino, Kiki, Pichón, cinco inicial; tamén xogaron Pepe, Jorge Salcedo, Otero, Dani Juárez, Juni, Charly, Alamancos

Goles: 1-0, minuto 3, Renato; 2-0, minuto 24, Chus; 3-0, minuto 38, Luisma; 4-0, minuto 40, Luisma

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal (Galicia). Por Burela amarela a Renato (minuto 24), Chus (minuto 28), Luisma (minuto 34). Por Manzanares amarela a Otero (minuto 13), Pepe (minuto 24), Kiki (minuto 28)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 26 de Segunda LNFS, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela ante unhas 1000 persoas, coa presenza do responsable de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero; Pablo Prieto, da Real Federación Galega de Fútbol; Jacinto Artigas, do Comité Galego de Árbitros, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores