Noticias
29 de marzo de 2018
Héctor: 'Manzanares demostrou que pode meter en dificultades a grandes equipos'
O Pescados Rubén Burela FS disputará mañá a xornada 26 de Segunda LNFS (Vista Alegre, 17.30 horas) coa visita de Manzanares FS Quesos El Hidalgo, undécimo clasificado (31 puntos). A de mañá será a penúltima cita de liga na casa.

“Será un partido complicado porque Manzanares é un equipo moi organizado, sobre todo a nivel defensivo, e demostrou ao longo da competición que pode meter en dificultades a grandes equipos; o Barcelona, por exemplo, non foi capaz de meter un só gol e perdeu 4-0” advertía Héctor Albadalejo, a incorporación de inverno nas filas laranxas, dun rival que recala na Mariña deixando atrás a zona de perigo e encadeando as vitorias ante Puertollano (2-1) e Tenerife (3-4) nas últimas semanas.

Desde a cuarta praza, con 45 puntos e empatado con Antequera, o Pescados Rubén quere referendar os golpes de autoridade ofrecidos ante rivais directos nas dúas últimas xornadas, cos pés no chan e sendo conscientes de que hai moito traballo por diante: “Demos un paso moi importante de cara ao play off pero hai moitos equipos na pelexa e de aquí ao final cada partido é unha batalla crucial. Parecendo que estamos matematicamente preto do obxectivo, aínda queda moito camiño que facer”, advertía o 20 laranxa, confesando que o equipo cada vez está mellor para cumprir o seu soño: “Chegamos en bo momento. Pasamos un período de incerteza, no que os resultados non chegaban e quizais nos resentimos un pouco a nivel de xogo e de confianza, pero nestas dúas últimas xornadas, con Antequera e Puertollano, fixemos partidos moi serios e o equipo está cada vez máis sólido”.

Logo de tres meses coa elástica laranxa, Héctor recoñece a súa boa aclimatación ao equipo. “Todo xogador necesita adaptación, aínda que cando chegas vaian saíndo as cousas, pero para min os obxectivos colectivos son o máis importante. Co traballo de Juanma día a día, eu estou intentando achegar a miña experiencia e os meus anos de profesión; estou aquí para achegar o que se me pida en cada momento”, concluía o pivote.

Na primeira volta os mariñáns impuxéronse 1-6.

O cadro de Juanma realizou a última sesión da semana esta mañá en Vista Alegre.

Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 14. Pope, 17. Nito, 19. Luismi, 20. Héctor

Convocatoria Manzanares FSF: 1. Pepote, 3.Otero, 5.Chin, 7. Chino, 9. Charly, 10. Alamancos, 12. Juni, 13.Dani Juárez, 14.Kiki, 15.Pepe, 17.Pichón, 22. Jorge Salcedo
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores