Noticias
17 de marzo de 2018
Pescados Rubén 4-3 Cidade das Burgas
Os tres puntos do duelo irmandiño de Vista Alegre quedaron esta tarde na casa cun Pescados Rubén Burela FS que tivo que sufrir ata a final fronte ao tocado Cidade das Burgas (4-3). As pupilas de Julio Delgado e Lucas viviron un tira e afrouxa no luminoso; apostaron por xogo de cinco desde o 1-1, na primeira parte, e non puideron romper o partido ata os minutos 35-36, cando Cilene e Tai puxeron o 4-2.

O Cidade, cunha defensa pechada, conseguiu frear a incansable avalancha das mariñás, ás que tamén lles faltou precisión nos metros finais. Tai foi a primeira ao 1’15” do inicio, co pé de Iria como obstáculo. Intentárono tamén Cilene (minuto 3) de lonxe, de novo Tai nun rexeite (minuto 4), Jenny (minuto 5) e Cris. A primeira ocasión para as ourensás protagonizouna Clara no minuto 9 cun roubo de balón que acabou sen complicacións nas mans de Ana Romero. Entón chegou o momento do Pescados Rubén; Jenny estreouse en Vista Alegre ao grande, abrindo o marcador no minuto 12, finalizando fronte a Iria un esférico de Cilene que coou entre as pernas de María Arias. Pouco despois un balón morto de Dany na área verde non atopou rematadora. O Cidade topouse co empate en xogada de estratexia o 16, con saque de Nati culminado de lonxe por María Arias. O Burela FS non estaba conforme. Bea Mateos liderou o xogo de cinco na recta final, con máis de dous minutos para o descanso; o ataque laranxa estrelouse unha e outra vez contra as visitantes.

As de Julio Delgado e Lucas volveron á pista con porteira xogadora, alternando con Jozi baixo paus. Aos 50 segundos Lara errou na liña de meta, pero non perdoou no 25. A nova iniciativa das burelistas no luminoso volveu desaparecer en tan só dous minutos, co 2-2 (minuto 27) a porta baleira, de Clara. O pau, primeiro ante Dany, e María Arias, no rexeite fronte a Bea Mateos, evitaron no 34 o terceiro das mariñás, no seu continuo asedio de cinco sobre a rede ourensá. Con todo, nun dicir amén, as filas laranxas resolvérono; en menos dun minuto Cilene, de cinco, e Tai ampliaron por fin a fenda a 4-2. O Cidade anotou o definitivo 4-3 nas zapatillas de María Arias de novo, en contragolpe, que se plantou soa ante Jozi.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Cilene, Sara Correia, Tai, cinco inicial; tamén xogaron Lara, Bea Mateos, Julia Forsiuk, Jenny, Cris, Jozi

Cidade das Burgas: Iria, Amelia, Clara, María Arias, Sonia Pacios, cinco inicial; tamén xogaron Nati, Nahir Oliveira, Figo, Canolich,

Goles: 1-0, minuto 12, Jenny; 1-1, minuto 16, María Arias; 2-1, minuto 25, Lara; 2-2, minuto 27, Clara; 3-2, minuto 35, Cilene; 4-2, minuto 36, Tai; 4-3, minuto 39, María Arias

Árbitros: González Alvedro // Carreira Romero (A Coruña). Por Burela FS, amarela a Bea Mateos, Lara. Por Burgas, amarela a Sonia Pacios e Clara

Incidencias: Partido correspondente á xornada 21 de Primeira RFEF disputado no pavillón Vista Alegre ante unhas 800 persoas. A xogadora Sonia Pacios tivo que ser trasladada ao Hospital da Costa por unha hemorraxia nasal sufrida nun golpe con Dany no minuto 24.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores