Noticias
1 de marzo de 2018
Os laranxas visitan a un Elche que foxe do perigo

O Pescados Rubén Burela FS disputará mañá a 23ª xornada de Segunda LNFS, na pista dun Elche CF que foxe da zona de perigo grazas a estar atravesando a mellor etapa da tempada. O Esperanza LAG acollerá o encontro a partir das 21.00 entre a 13ª praza dos locais (24 puntos), con 4 semanas sen coñecer a derrota, e a 5ª dos mariñáns  (39), tras ver escapar a cita con Rivas no último suspiro.


“Estamos un pouco tocados, pero imos con moitas ganas e ilusión de volver á senda da vitoria. Estivemos incidindo nas transicións, nunca tivemos moita pegada pero estamos traballando para corrixilo. Temos que ser máis efectivos porque as ocasións estámolas xerando” confesaba con optimismo unha das Xoias Laranxas, Renato, ante o reencontro cun rival ao que o conxunto burelista xa venceu na ida, con 4-2.


Os ilicitanos chegan coa bagaxe das vitorias ante Tenerife (1-4), Antequera (2-3) e Puertollano (3-2) e o recente empate de Manzanares (4-4). “Vai ser un partido duro. Ten un bo xogo de pivote e bastante orde”, advertía o 12 burelista, sobre o que o míster, Juanma Marrube, analizaba: “Mirando os seus antecedentes, será un partido complicado; está competindo moi ben. A necesidade de saír desa zona complicada estalles dando un sustento enorme en rendemento. Ademais é un equipo que se coñece moi ben, con xogadores que levan tempo xuntos, cun xogo de pivote moi definido”.


O técnico mariñán teno claro; para recuperar os tres puntos hai que seguir traballando na mesma liña, buscando como aliados a tranquilidade e a boa lectura nos metros finais: “Temos que seguir sendo fieis ao que levamos demostrando todo o ano e despois temos que concienciarnos das fases do xogo, avalado pola nosa orde habitual, para corrixir as carencias”.


O equipo de Juanma Marrube xa realizou esta mañá en Elche a última sesión, coa novidade do porteiro xuvenil Bruno García. Tamén estará na lista Néstor Valle ‘Nito’, convocado con España Sub-19 para dous amigables contra a Selección de Eslovaquia entre o 4 e o 8 de marzo (Piestany).


Convocatoria provisional Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 4. Víctor, 5. Hélder, 6. Luisma, 7. Chus, 9. Colacha, 11. Cora, 12. Renato, 14. Pope, 17. Nito, 19. Bruno, 20. Héctor

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores