Noticias
27 de decembro de 2017
Héctor: 'Espero que coa miña achega o equipo estea máis tranquilo de cara ao gol'

A nova cara burelista, o pivote Héctor Albadalejo Blázquez (Barcelona, 1982) foi presentado oficialmente polo Pescados Rubén Burela FS na compaña do presidente, Manuel Blanco Fanego, e do directivo Auditor Rodríguez Lombardía, que destacaron a “experiencia e olfacto finalizador” do xogador. “Sempre tiven uns bos números goleadores; non o tomo como unha meta pero una das miñas virtudes é o gol e saber estar no lugar axeitado no momento axeitado. Á parte de achegar experiencia espero contribuír con gol, primando por riba de todo o ben colectivo. Así que espero que coa miña achega o equipo estea máis tranquilo de cara ao gol, axudando sempre a gañar partidos” explicaba o pivote, que regresa á liga española procedente do Real Rieti da Serie A italiana, onde ostenta unha media de 30 goles.


O xogador, de 35 anos, non o dubidou: “Antes ou despois tiña que regresar e creo que este é o momento xusto para facelo; foi unha decisión moi doada. Tiña ganas de volver á liga española logo de 6 anos en Italia e Bélxica. Esta é a liga que me viu medrar e me deu tantas alegrías e coa que máis gocei neste deporte” confesaba con entusiasmo o catalán, que chega á comarca da Mariña “como mellor xogador e evidentemente mellor persoa”: “Estes anos servíronme para darme conta de que hai vida máis aló do fútbol sala español. Toda a experiencia que adquirín a nivel internacional axúdame a tomar mellores decisións nos partidos”.


Héctor ve o Pescados Rubén Burela FS con moitas posibilidades para a segunda volta: “Aínda que estaba fóra da casa, sempre me gustou seguir o fútbol sala nacional. É un equipo novo, pero con moita ambición e moitas ganas de facer as cousas ben. Non coñezo moito a liga para valorar rivais, pero creo que o equipo está nunha boa posición; creo que con traballo e esforzo pode pelexar polo play off”, explicaba o novo laranxa, que xa puido adestrar a semana pasada coa escuadra de Juanma Marrube: “Aínda non sei moitos mecanismos de traballo, pero considérome unha persoa rica a nivel de experiencia; os 13-14 anos que levou neste deporte a nivel profesional pódenme axudar a unha rápida adaptación nesta nova aventura”, concluía na súa presentación o pivote.


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores