Noticias
10 de novembro de 2017
Cita de extremos

O Pescados Rubén Burela FS recibirá mañá en Vista Alegre (18.30 horas) a VP Soto do Real nunha cita de extremos na que as mariñás pelexarán por seguir en pugna pola primeira praza fronte á antepenúltima das visitantes. “Temos que aproveitar que o adversario chega deste xeito, pero nós temos que seguir traballando, poñer o ritmo de partido que piden os nosos adestradores, co máximo respecto, e sen descoidarnos” advertía a 3 laranxa, Dany.


Destacando o pulo de moral que lle brindou a vitoria en Móstoles, a pivote agárrase ao traballo como talismán para manter a boa dinámica de resultados e cumprir este sábado co quinto triunfo consecutivo: “Tivemos un partido moi complicado pero volver dunha pista tan difícil con tres puntos dános moito ánimo para seguir traballando e loitando. Estamos arriba e hai que seguir con esta dedicación” explicaba Dany, incidindo ademais na plena concentración para que Vista Alegre peche a tarde de mañá con celebración, ante un rival xa coñecido para as burelistas, que este ano volve a Primeira, e de momento só puntuou en dous empates, con Burgas (1-1) e Cádiz (5-5), e encadea 5 encontros en dique seco: “Independentemente da súa clasificación na táboa, sabemos que Soto vén a Burela polos tres puntos. Nós non podemos relaxarnos, temos que seguir traballando, a nós estanos custando arrincar nos partidos e intentaremos que este sábado sexa diferente” poñía sobre aviso a brasileira, facendo referencia a outras citas, como ante As Burgas, nas que as de Julio Delgado e Lucas sufriron moito para saír adiante.


A paciencia é a clave: “Estamos traballando a ansiedade por gañar axiña, pero creo que aínda nos falta un pouco de adaptación das incorporacións deste ano, de xogadoras que veñen doutras ligas, cun estilo de xogo distinto. Temos que ter moita paciencia” explicaba Dany ante un rival “en formación, que presiona arriba, e atrevido”, segundo advertía tamén Julio Delgado, cunha “soltura que hai que coidar e medir”.



“Sairemos á pista para facer moitos goles, dedicados á nosa afección, que sempre está presente cos seus ánimos. Un bo partido ante Soto daríanos forza para o próximo rival, en duelo galego con Poio Pescamar FSF” puntualizaba Dany.



Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Cilene, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Sara Correia, 14. Bea Mateos, 17. Sofía, 37. Julia Forsiuk


Acompáñasnos a Poio?
Todos os afeccionados/as que queiran asistir á emoción de derbi galego en Primeira RFEF o sábado 18 de novembro, na pista do Poio Pescamar FS, poderán facelo a través da viaxe organizada polo Pescados Rubén Burela FS. O club poñerá a disposición dos todos os interesados/as o desprazamento en autobús e entradas por 18 euros/persoa; a viaxe realizarase cun mínimo de 30 afeccionados/as. As persoas que así o desexen deberán apuntarse na nova sede do club (avda. Arcadio Pardiñas 97, entreplanta 10).
Horarios:
Saída: Sábado 18 de novembro, Vista Alegre (cafetería), ás 13.00 horas
Destino: Pavillón A Seca (Poio)
Partido: Poio Pescamar FS-Pescados Rubén Burela FS (16.30 horas)
Regreso: Ao remate do encontro
Data límite para apuntarse: Xoves 16 de novembro, 19.00 horas

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores