Noticias
1 de setembro de 2017
Julia Forsiuk: 'Espero aprender moito en Burela'

A ucraína Julia Forsiuk (Kiev, 1985) foi presentada polo Pescados Rubén Burela FS na compaña do presidente, Manuel Blanco, e do directivo José Manuel Vázquez. “Esta a mellor liga do mundo, para min era un soño xogar no fútbol sala español. Espero aprender moito en Burela, este é un club moi profesional, e tamén poder axudar a conseguir títulos”, explicaba a nova 37 burelista, que xa puido debutar a fin de semana pasada no Torneo Cidade Viana do Castelo.


“En Portugal tivemos a oportunidade de medirnos a rivais de calidade, os enfrontamentos con Poio foron moi bos; somos varias xogadoras novas, aínda temos que traballar para axustarnos. A pretempada está sendo moi boa; estamos traballando ben para comezar nas mellores condicións a liga” explicaba a xogadora universal, moi ilusionada nun novo comezo, na súa nova experiencia en España, logo de realizar xa parte da pretempada co conxunto laranxa o ano pasado e defender ao Leganés Másdeporte na segunda volta da liga: “En Burela estou mellor. En Leganés estiven só catro meses, pero foi complicado para poder entenderme coas miñas compañeiras e tamén para adaptarme porque o fútbol sala en Ucraína é moi diferente. Non falaba español e ese foi un grande obstáculo. Aquí e agora xa é diferente e as miñas compañeiras estanme axudando moito”, explicaba Julia.



Sábado 2, Pescados Rubén-Poio Pescamar (Vista Alegre, 19.00 horas)


“Queremos gañar, pero o máis importante é que é a presentación do equipo e das novas incorporacións. Será un partido de nervios para nós, pero creo que sairá todo ben e que poderemos gañar” explicaba Julia Forsiuk en vésperas da presentación do equipo ante a Familia Laranxa, da posta de longo do Pescados Rubén Burela FS de Primeira RFEF ante a súa afección, mañá, a partir das 19.00 horas, con entrada gratuíta.


Julio Delgado e Lucas terán á súa disposición a todos os efectivos, aínda que Bea Mateos chegará con molestias.


En memoria de Beto


A Bomboneira gardará mañá un minuto de silencio en memoria do ex-burelista José Roberto Camilo Lima, Beto, que faleceu esta semana vítima dun cancro linfático.


Presentación do equipo de Liga Provincial


Nesta primeira cita ante o público burelista para o conxunto de Primeira RFEF, tamén será a presentación do equipo de Liga Provincial Feminina, que dirixirá Míchel Couceiro.


Copa Galicia Feminina


As mariñás estrearán a Copa Galicia o vindeiro mércores, 6 de setembro, na casa, co primeiro enfrontamento de grupos, ante o Viaxes Amarelle FSF. Será ás 20.30 horas, con entrada gratuíta.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores