Noticias
2 de xuño de 2017
Paula: 'O primeiro é acabar a liga ben e despois pensaremos na Copa'

O Pescados Rubén Burela FS despedirá mañá a liga 2016-17 na pista do Txantrea FSF (polideportivo Arrosadía, 18.00 horas). As pupilas de Iván Cao ‘Lucas’ e Julio Delgado clausurarán a competición  festexando a cuarta praza  (56 puntos) fronte a un rival que quererá deixar a Primeira División cunha vitoria despois de estar loitando pola permanencia ata a semana pasada (14ª praza, 14 puntos).



“O primeiro é acabar a liga ben e despois pensar na Copa, de facer algo bonito porque é unha competición moi atractiva. Imos con ganas de puntuar aínda que xa temos a praza asegurada para acabar a liga da mellor maneira posible. Non podemos confiarnos da situación da táboa, hai que saír con ganas e a tope, a por todas” aseguraba a cervense Paula Cortiñas, que a semana pasada puido volver ao parqué, fronte a Gironella, despois dunhas semanas lesionada: “As sensacións foron boas, tiven minutos cos que non contaba, a verdade, e puiden gozar e axudar o equipo, estou moi contenta” explicaba a 19 mariñá tras o seu regreso ás pistas.



Nunha semana, o cadro laranxa terá o privilexio de disputar un ano máis a Copa de España, co aliciente de ser en Galicia, en Poio, e con moita presenza irmandiña: “Xa teñen a praza asegurada Ourense Envialia e Poio Pescamar e aínda ten opcións Cidade das Burgas. O primeiro derbi xa nos pode tocar en cuartos de final, un derbi sempre é un derbi, é espectáculo. Ademais contaremos con afeccionados, seguro; por todo iso imos con máis ganas aínda” concluía a ala burelista.


Convocatoria Pescados Rubén Burela: 1. Jozi, 3. Dany, 5. Claudia, 6. Silvia Rubal, 10. Lara, 12. Ana Romero, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 19. Paula, 26. Elvira

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores