Noticias
1 de xuño de 2017
Renato será laranxa ata 2021

Renato Lopes Furtado (Cabo Verde, 1997) será xogador laranxa ata 2021. A Xoia Laranxa, con contrato en vigor ata 2019, chegou a un acordo co Pescados Rubén Burela FS para amplialo por dúas tempadas máis. O presidente, Manuel Blanco, e o directivo José Ángel Dovale, destacaron a progresión do ala laranxa: “O ano pasado acabou a tempada disputando moitos minutos de responsabilidade, dando o paso adiante que lle pediron os técnicos e devolvendo a confianza que tiñan depositada nel. Renato reflicte a aposta do club pola canteira; medrou con nós e esperamos que siga progresando nesta nova etapa en Segunda, loitando e traballando xunto aos compañeiros” explicaba o dirixente burelista.


“Foi un ano difícil, pero a nivel persoal creo que demostrei o meu potencial e por iso me brindaron esta posibilidade” explicaba o 27 mariñán, facendo referencia á súa evolución persoal durante a última tempada: “Foi un ano no que madurei bastante; aprendín a escoitar e a reflexionar, ademais de intentar dar sempre o mellor de min, tanto nos adestramentos coma nos partidos”.


Despois de debutar en Primeira División en idade xuvenil no Palau Blaugrana e de dar o salto ao equipo sénior en 2016-17, para Renato esta será a súa primeira experiencia na competición de Segunda: “Teño moita ilusión nesta nova etapa; o meu obxectivo é seguir aprendendo e formándome. Estamos nun bo camiño; teremos unha portería moi sólida, iso daranos confianza, e no banco coñecemos moi ben o adestrador. Juanma coñece as nosas virtudes e as nosas debilidades e sabe como aproveitarnos ao máximo a cada un. Non vai ser doado pero se todos damos o mellor de nós imos conseguir grandes cousas; eu confío niso” explicaba moi motivado o ala burelista.


Renato Lopes é unha das referencias da base do Pescados Rubén e como tal sempre recibe o apoio dos seus compañeiros da escola, en todos os partidos: “Ter esa parte da bancada que sempre me anima dáme moita confianza para seguir traballando; creo que lles debo algo e intentarei agradecérllelo facendo as cousas ben sobre a pista” concluía o mariñán.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores