Noticias
25 de maio de 2017
Edu continuará defendendo a meta laranxa

Un dos grandes baluartes do Pescados Rubén Burela FS, Eduardo Saavedra Cebreiro, continuará defendendo a meta laranxa a vindeira tempada. O naronés, acompañado polo presidente, Manuel Blanco, e o directivo Auditor Rodríguez Lombardía, proclamou aos catro ventos a ledicia pola súa renovación e a ilusión deste novo proxecto: “Estou moi contento de que o club siga confiando en min; espero dar todo o posible para volver poñer o Burela onde se merece, en Primeira División”.


Na súa décima tempada na Mariña, Edu reencontrarase cun vello compañeiro de lides nesta nova andaina laranxa, co histórico 8 burelista co que tantos partidos compartiu e que agora asume as rendas do equipo, Juanma Marrube: “É unha boa oportunidade para el, para demostrar que vai ser un bo adestrador. Coñece o club, coñece Burela e sabe como se vive o fútbol sala aquí. Creo que está é unha das claves para que o Pescados Rubén volva ser o equipo que foi. Juanma volverá sacar o rendemento necesario aos xogadores” declaraba con entusiasmo e seguridade o 1 burelista.


Pola cabeza do porteiro naronés xa planea o traballo no novo proxecto: “Vai ser un equipo novo; a pretempada vai ser moi importante para que todo o mundo se acople á filosofía de Juanma. Vista Alegre volverá ser a nosa referencia cunha afección que sempre responde”.


Dende a directiva, Manuel Blanco e Auditor Rodríguez destacaron a continuidade de Edu como un paso adiante na solidez  e garantía do renovado Pescados Rubén Burela FS: “Con esta renovación a portería de 2017-18 quedará ben cuberta, compartindo responsabilidades con Álex, que xa tiña contrato para a vindeira tempada. Edu é unha referencia no noso club; a súa experiencia achegaralle o equilibrio necesario a un equipo no que seguiremos apostando polos xogadores da casa, con xuventude. Entre todos, con traballo esforzo, o equipo volverá a Primeira”, explicaba o dirixente burelista.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores