Noticias
19 de maio de 2017
Jimbee Roldán - Pescados Rubén Burela FS en directo por La 7 TV e pola TVG2
O Pescados Rubén Burela afronta a xornada 28 con gañas de recuperar a senda do triunfo no feudo do Jimbee Roldán. O duelo entre murcianas e galegas será retransmitido en directo pola canle 7 Televisión Rexional de Murcia e pola Televisión de Galicia 2. O sábado día 20 ás 12.00 horas ambos conxuntos loitarán por tres puntos que lles permitan afianzar as súas posicións na clasificación. O conxunto mariñao ocupa a cuarta posición con 53 puntos mentres que as murcianas son sétimas con 45.

O choque entre ambas escuadras presúmese moi igualado do mesmo xeito que en Vista Alegre durante a primeira volta que finalizou con vitoria laranxa por 1-0 cun gol de Dany nos últimos segundos. O Jimbee Roldán está baseando a súa boa tempada na fortaleza do Gabriel Pérez Sánchez, no seu feudo as murcianas elevan o seu rendemento que perde eficacia cando actúan como visitantes aínda que chegan a este duelo tras unha brillante vitoria en casa do Espluges Gironella FS. Pola súa banda o Pescados Rubén Burela intentará recuperar o sabor do triunfo; tralo empate en Móstoles e a derrota ante o Universidade de Alacante, para encarar a recta final ligueira con boa dinámica de cara á Copa de España.

Convocatoria Pescados Rubén Burela: Jozi, Dany, Claudia, Lara, Ana Romeu, Judith, Cilene, Sofía, Shiori, Sofía.

Baixas: Bea Mateos, Silvia, Nerea.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores