Noticias
31 de marzo de 2017
O Ciudad de Tudela, a proba ante a motivación laranxa

O Pescados Rubén Burela FS intentará aproveitar o ronsel de esperanza e motivación que lle proporcionou o triunfo do martes con Catgas Energía FS para buscar os tres puntos mañá (18.30 horas) na complicada pista do Ciudad de Tudela. “Imos a unha das canchas máis difíciles, cun dos equipos con mellor fútbol sala da categoría, combinando gran circulación de balón e con grandes potenciais de xogadores novos. Ademais, a paixón e a forza que transmite a bancada aos seus xogadores fainos moito mellores”, advertía o técnico laranxa, Tomás de Dios, do Aspil Vidal Ribera Navarra.


A escuada mariñá, con 1 punto de vantaxe sobre Levante -en descenso-, estase xogando o todo polo todo. Na xornada 27 apostará por concentración plena ata o último segundo, mantendo a actitude e desgaste físico das últimas citas, para neutralizar a presión dos navarros, incentivados ademais cos postos de play off, a 6 puntos. “Quédannos catro finais, somos moi conscientes, e mañá necesitaremos unha conexión especial do partido, polo contorno ao que nos imos enfrontar; xa tivemos a experiencia de ver escapar un partido no último segundo e iso ímolo ter moi presente” explicaba De Dios, facendo referencia á perigosidade dos locais: “Cando Ribera rompe en primeira liña xera moito perigo. Para iso incidiremos no desprazamento defensivo, mediremos o criterio arbitral e adaptarémonos a iso; ademais a forza da bancada debe motivarnos para estar moito máis conectados”.


Moral para seguir gañando


Desde o vestiario, o mozo burelao Carlitos falou da gran semana que está vivindo o equipo nunha recta final moi delicada, unha semana que o Pescados Rubén está disposto a pechar con broche de ouro fronte a un equipo ao que xa gañou esta tempada: “Ribera é un gran equipo, cun pabillón que aperta moito, pero a vitoria do martes deunos moita moral e agora temos que ir a por todas a Tudela. Xa conseguimos gañar en Copa do Rei e pelexaremos por repetilo en liga” explicaba o 17 mariñán, que intenta aproveitar cada minuto sobre a pista. O burelao quixo agradecer o grande apoio da afección: “Están axudándonos máis ca nunca. Quédannos 2 partidos na casa e temos que dalo todo, tanto afección como equipo” concluía Carlitos.


Convocatoria Aspil Vidal Ribera Navarra FS: 2. David, 3. Hamza, 6. Luisma, 7. Rubi, 8. J. Mínguez, 10. Oussama, 11. Kostas, 12. Pedro, 14. Lucas, 15. Molina, 16. Ferrán Plana, 23. Álex Arriazu, 28. Abdel Karim


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Bellvert, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder, 31. José Carlos

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores