Noticias
28 de marzo de 2017
Osíxeno para Vista Alegre

Vista Alegre nunca se rende e así o demostrou esta noite impoñéndose ao Catgas Energía FS (5-3) na súa gran pugna por manterse entre os mellores. A actitude e desgaste físico dos laranxas, arroupado pola Bancada Laranxa, atoparon por fin hoxe a súa merecida recompensa nunha cita na que os de Tomás de Dios levaron a batuta no marcador, con 2-0 ao descanso e chegando ata a dispoñer dunha vantaxe de 5-1 no último minuto. O Pescados Rubén Burela FS, cunha dose moi necesaria de osíxeno, volverá á liga o sábado, na pista do Aspil Ribera Navarra FS, ás 18.30 horas.


No 17, Iago Rodríguez puxo a rúbrica a unha das súas filigranas, revolvéndose na banda para cruzar ao segundo pau; antes o tándem dos Iago (minuto 7), Renato (minuto 9), nun roubo, e Hélder (13), ante un erro de Dani Salgado, intentárano. Menos dun minuto despois do 1-0 Bellvert ampliou a renda cun canonazo tras a amarela que viu Corvo preto da área de Santa Coloma sobre o 18 laranxa.


Isi, no 22, e José Carlos, no 23, protagonizaron as primeiras grandes ocasións para os de Tomás de Dios, dispostos a 'morrer' na pista como xa advertira horas antes do encontro o 7 burelista. Precisamente, o andaluz viu a segunda amarela pouco antes de cumprir a medianía do segundo acto e foi entón cando os visitantes aproveitaron a inferioridade mariñá para reducir distancias, co ex do Burela Javi Rodríguez. Aceleraron o ritmo os de Santa Coloma, con boa reacción de contención nas filas galegas, intentando sorprender á contra, con óptimas accións, para marcar máis as distancias. A falta de catro minutos, Sepe puxo a camiseta de porteiro xogador para ir a pola remontada. Pero, Vista Alegre deixou de manifesto unha vez máis que nunca se rende; a defensa laranxa saíu airosa da súa área cun balón que cazou Bellvert coándoo a porta baleira desde a pista galega (minuto 37). Buscaron a rede sen custodia unha e outra vez os de Tomás; logo das tentativas infrutuosas de Míguez e Bellvert, foi o propio 18 laranxa o que anotou cuarto para o desenfreo da Bomboneira. O quinto chegou nos pés de Iago Rodríguez, nun mal saque de Dani Salgado. O Catgas puxo máis emoción á máis que merecida vitoria mariñá no último minuto co 5-2 en propia porta de Edu, desde córner, e co definitivo 5-3 a falta de 4 segundos, de novo nas zapatillas de Javi Rodríguez.



Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS:
Edu, Iago Míguez, Isi, Renato, José Carlos -cinco inicial- Iago Rodríguez, Hélder, Antoñito, Bellvert, Carlitos, Cuco
Catgas Energía FS: Prieto, Pablo, Dani Salgado, Sepe, Maxi -cinco inicial- Corvo, Sergio, Javi Rodríguez, Lucas, David, Eric


Goles: 1-0, minuto 17, Iago Rodríguez; 2-0, minuto 18, Bellvert; 2-1, minuto 30, Javi Rodríguez, 3-1, minuto 37, Bellvert; 4-1, minuto 39, Bellvert; 5-1, minuto 40, Iago Rodríguez; 5-2, minuto 40, Edu (p.p.), 5-3, minuto 40, Javi Rodríguez


Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castela e León). Por Burela amarela para Isi (minuto 8 e 29), José Carlos (minuto 19), Bellvert (minuto 26), Iago Míguez (minuto 4). Por Catgas amarela a Corvo (minuto 18), David (minuto 22)


Incidencias: Partido correspondente á xornada 26 de Primeira División LNFS disputado no pavillón Vista Alegre, coa presenza do seleccionador nacional, José Venancio López Hierro. Arredor de 800 espectadores.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores