Noticias
24 de marzo de 2017
Inmerecido desenlace para Vista Alegre
Vista Alegre viviu esta noite un inmerecido desenlace para o Pescados Rubén Burela FS, que non conseguiu dar un golpe de alento na clasificación coa visita do Gran Canaria FS (1-2). A ineficacia na finalización pesou en exceso para os de Tomás de Dios, que se mostraron intensos, con actitude e orde táctico, aínda que tamén se estrelaron ata a extenuación contra a meta insular. Os mariñáns volverán depositar a súa forza na Bancada Laranxa, nunha situación límite, xa o martes, coa visita de Catgas Energía (21.00 horas) na 26ª xornada.

José Carlos xa avisou da intencións laranxas no minuto 3 de disparo cruzado. A partir de aí, o Pescados Rubén despregou unha artillería ofensiva continua, pero tamén infrutuosa; Cuco probou, un pase de Bellvert, pegado ao pau no 8, a man de Gus apareceu ante Iago Míguez no 10 e Pepe salvou por partida dobre in extremis nos minutos 13 e 15. Con todo, para os de Suso Méndez foi todo máis doado. No 16, Anás atopou a gloria nun rexeite tras tentativa de Juanillo que repeleu o pau. Era a terceira con perigo dos canarios; antes Edu resolvera no minuto 6 e 11, ante Pichi e Pablo Salado. A falta de 57 segundos para a bucina Iago Rodríguez desaproveitou un dobre penalti que se topou co corpo de Gus.


As chegadas a ambas as porterías axilizáronse tras o descanso. Á envelenada tentativa de Hélder no minuto 24, seguiulle unha sublime actuación de Edu, que salvou o segundo dos canarios, no 28. En tan só un minuto, rozando o ecuador da segunda parte, Iago Rodríguez viu dúas amarelas, que o enviaron do banco ao vestiario ante as protestas airadas da Bancada Laranxa; antes Antoñito puxera a proba a Gus cun disparo afastado desde balón parado. No 33, Renato reforzou o capitán laranxa despexando co peito o segundo dos visitantes. Vista Alegre confiaba nos mariñáns e a falta de case cinco minutos para o final a Bomboneira estalou con traballado gol dos galegos; Cuco materializou o saque de esquina de Iago Míguez para seguir crendo no PODER da Bancada Laranxa. Con todo, os canarios ampliaron co segundo no minuto 38, nun remate de Pichi desviado por Juanillo. Apostaron pola remontada os de Tomás de Dios con Antoñito como porteiro xogador; tiveron a oportunidade nun dobre penalti de José Carlos a falta de case dous minutos, que se estrelou contra o pau.




Ficha técnica


Pescados Rubén Burela FS: Edu, Iago Míguez, Isi, Renato, José Carlos -cinco inicial- Bellvert, Cuco, Iago Rodríguez, Antoñito, Hélder

Gran Canaria FS: Gus, Anás, Juanillo, Juan Puertas, Xullo -cinco inicial- Bingyoba, Pichi, Saúl, Pepe, Pablo Salado

Goles: 0-1, minuto 16, Anás; 1-1, minuto 36, Cuco; 1-2, minuto 38, Juanillo;

Árbitros: Gómez García (Madrid) //Redondo Arenales (Castela e León). Por Burela FS, amarela para Bellvert (minuto 6), Isi (minuto 10), Iago Rodríguez (minuto 29 e 30), Álex (minuto 38), José Carlos

Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 de Primeira División LNFS disputado no pavillón Vista Alegre ante uns 1100 espectadores.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores