Noticias
24 de marzo de 2017
A Rioja, aproveitando a inercia positiva

O Pescados Rubén Burela FS partirá mañá ao mediodía con rumbo a Logroño para aproveitar a inercia positiva das últimas xornadas para seguir medrando na competición. Verase as caras na xornada 22 cun Rioja FSF que non atravesa un bo momento o domingo ás 12.00 horas (Palacio dos Deportes).


“Nos dous últimos partidos puidemos xogar ben, sacar os puntos que queriamos e iso dános ánimo e forza para xogar este fin de semana contra un equipo que é penúltimo, aínda que moi perigoso na súa casa. O ano pasado custounos moitísimo gañar en Vista Alegre e alá, na última xornada da liga e xogándonos o título, tamén foi moi complicado” explicaba a máxima anotadora laranxa, Dany Domingos, levando con humildade e moita profesionalidade o orgullo de ser unha das referencias ofensivas da escuadra de Lucas e Julio Delgado: “É a responsabilidade de sempre, de intentar axudar as miñas compañeiras, de intentar gañar e seguir traballando para o crecemento do equipo mirando xa á Copa. Eu, aproveitando a situación, si podo marcar goles mellor aínda” confesaba a 3 burelista.


“Pola situación na que está, o Rioja xoga moi preto da portería e con iso vainos a custar atopar ocos. O que temos que facer é meter o primeiro gol rápido para baixar a ansiedade e intentar conter o Rioja na busca dos nosos erros” adiantaba Dany, esperando que o traballo do Pescados Rubén, pasiño a pasiño, poida impulsalas ao podio, agora mesmo coa terceira praza custodiada polo Alcorcón, a tan só 2 puntos das galegas.


Na ida os 3 puntos quedáronse na Mariña, con 7-2.


Convocatoria Pescados Rubén Burela FS: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 10. Lara, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 15. Judith, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 23. Cristina, 26. Elvira

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores