Noticias
18 de novembro de 2016
Pulo de moral
O Pescados Rubén Burela FS puido sumar a segunda vitoria da tempada, e na casa, hoxe fronte ao Peñíscola RehabMedic (3-2) nunha cita moi igualada na que os mariñáns foron máis efectivos. A escuadra laranxa respondeu á petición de concentración plena de Daniel Ibañes, mostrando unha boa defensa e apertando, pero sobre todo sen cesar na loita.

No minuto 5, Juan Carlos, nunha diagonal, adiantaba o Peñíscola logo dunha ocasión do propio 9 castellonense, só ante Álex. Os de Daniel Ibañes reaccionaron dando un paso adiante e en menos dun minuto chegou o empate, de Cuco en combinación con Matamoros, tras erro defenvivo dos de Albert Canillas. Íker López salvou o segundo dos galegos a 10 segundos para o ecuador do primeiro acto cun pé prodixioso ante Bellvert. Viviu a Bomboneira uns últimos minutos co cadro laranxa máis á expectativa en media cancha, condicionado polas cinco faltas, e buscando a verticalidade no perigo sobre a meta rival.

Volveu rodar o esférico con avisos en ambas as liñas nos dous primeiros minutos, con moito traballo para as defensas in extremis, con salvación de Antoñito polos laranxas e Iván Rumbo polos levantinos. Case sorprende Carlitos nos seguintes compases en xogada de estratexia, cun Íker moi atento. O gol de Iago Rodríguez, no minuto 24 en parede con Cuco, era a inxección de moral que necesitaban os mariñáns. Aceleraron unha marcha para imprimir un axexo sen tregua sobre a rede de Íker; avisou Petry por partida dobre antes de que chegase o terceiro, nas zapatillas de Matamoros desde fóra da área buscando o oco polo centro (minuto 26); o 10 laranxa estivo a piques de anotar o cuarto segundos despois, cun balón nunha pelexa na área que acabou en mans de Íker. Con ritmo máis frenético, os castellonenses conseguiron manter o ronsel dos laranxas acurtando distancias rozando o ecuador con Carlinhos. Nuns minutos de continuas idas e vindas unhas das mellores oportunidades protagonizáronas Petry, de tacón, no 34, e Antoñito, só en galopada fronte á prodixiosa man de Íker. A falta de tres minutos e cincuenta segundos, Yeray capitaneou o xogo de cinco sen éxito.


Ficha técnica

Pescados Rubén Burela FS: Álex, Isi, Iago Rodríguez, Petry, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Matamoros, Cuco, Iago Míguez, Bellvert, Renato, Carlitos

Peñíscola RehabMedic: Íker, Iván Rumbo, Juan Carlos, Carlinhos, Míchel, cinco inicial; tamén xogaron R. Orzáez, Marquinho, Yeray, Juan Emilio, Terry, Esteban

Goles: 0-1, minuto 5, Juan Carlos; 1-1, minuto 6, Cuco; 2-1, minuto 24, Iago Rodríguez; 3-1, minuto 27, Matamoros, 3-2, minuto 29, Carlinhos

Árbitros: Gallo Suárez (Asturias) // González Moreta (Castela e León). Por Pescados Rubén amarela a Iago Rodríguez (minuto 2), Petry (minuto 29), Matamoros (minuto 37). Por Peñíscola amarela para Yeray (minuto 8), Iván Rumbo (minuto 35)

Incidencias: Sétima xornada de Primeira Division LNFS disputada en Vista Alegre. Arredor de 900 espectadores.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores