Noticias
10 de novembro de 2016
Boas sensacións para Xaén

O Pescados Rubén Burela FS medirase o sábado ao Jaén Paraíso Interior (La Salobreja, 18.00 horas) no segundo desprazamento da semana para os mariñáns, logo de clasificado para cuartos de Copa do Rei na casa do Aspil Vidal Ribera Navarra. “Jaén está facendo moi boa tempada. Sabemos que vai ser difícil pero vimos de deixar boas sensacións nun pavillón tamén moi complicado, en Tudela, e imos intentar puntuar si ou si; o pase a cuartos dános alegría a todos e iso fai que as viaxes e tantos quilómetros vallan a pena” explicaba Raúl García Pérez, Cuco, unha das caras novas laranxas, que militou as dúas últimas tempadas no conxunto andaluz.


Aos burelistas espéraos o equipo de ex do Pescados Rubén Dani Rodríguez, cos tamén vellos coñecidos de Vista Alegre Dani Martín e Chino. O Paraíso Interior chega á sexta xornada con bo inicio ligueiro, defendendo a sexta praza con 9 puntos, fronte aos 3 dos galegos; tras encadenar triunfos como local fronte a Peñíscola (5-4) e Jumilla (14-0) e na casa do Cartagena (0-3), os xienenses sucumbiron a semana pasada en Gran Canaria (6-3). “Polo que vivín eu alí, sei que a afección de Xaén aperta moito e creo que se somos capaces de manter o fío do partido preto, se chegamos ao final do partido con opcións, podemos puntuar” advertía o 21 mariñán, incidindo nas directrices de Daniel Ibañes: “Como ben di o míster a concentración vai ser outra das claves. fixemos bos encontros, sobre todo na casa, pero hai momentos nos que nos imos do partido e iso vese despois reflectido no marcador; quédome coa primeira parte do Barça, na que estivemos moi concentrados e sabendo o que tiñamos que facer” analizaba Cuco.


O ala madrileño recuperou a ilusión polo futsal na Mariña logo de case unha tempada en Xaén afastado por unha pubalxia. “Foi difícil, foron dez meses fóra das pistas; estiven moito tempo con tratamento conservador antes da operación. Agora creo que gozo moito máis, vexo as cousas doutro xeito e intento gozar ao máximo de cada minuto dentro da pista e sobre todo de estar facendo o que me gusta e de compartilo cos compañeiros”.


“Estou contento pola grande acollida por parte do club, do corpo técnico e dos compañeiros; xa coñecía a algún de coincidir noutros equipos e a verdade é que mo puxeron todo moi doado para que a miña adaptación sexa o máis rápida posible”, aseguraba Cuco no seu primeiro ano en Burela, pedindo “saúde e que as lesións respecten a todo o equipo” para seguir medrando na Familia Laranxa.


O equipo mariñán partirá mañá ás 8.30 horas para terras andaluzas; quedarán en Burela Petry, por unha pequena rotura de fibras, e Chano, por molestias nun pé. A última sesión preparatoria será o sábado pola mañá en La Salobreja.


Convocatoria Pescados Rubén: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito, 27. Renato, 30. Hélder


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores