Noticias
5 de novembro de 2016
Reencontro co triunfo rompendo a imbatibilidade do Ourense (1-0)
A filosofía laranxa triunfou esta tarde en Vista Alegre, con traballo, loita e orgullo para reencontrarse cos tres puntos rompendo a imbatibilidade do Ourense Envialia FSF (1-0). Tras unha semana difícil con escaseza de efectivos, as pupilas de Lucas e Julio Delgado, centradas en defensa e coa referencia de pivote, souberon manter a exigua renda recollida na recta final do primeiro período.

Nos primeiros compases, de toma de contacto, ambas as escuadras dispuxeron de chegadas con perigo, primeiro Bea Seijas con Lara salvando baixo paus no minuto 3 e, máis tarde, no 4, Shio rozando o traveseiro nun rexeite. A presión ourensá obrigou as da Mariña a aplicarse a fondo en defensa, con gran traballo de Jozi. No 8 tivo Cilene unha magnífica ocasión a balón parado tras falta de Chiqui sobre Elvira, pero foise desviado. As burelistas tiveron a súa mellor arma á contra; o brillo goleador de Dany non puido culminar unha acción iniciada por Shio, en pista laranxa, a pase cruzado de Judith a piques de chegar ao ecuador. De novo chegou a quenda da meta brasileira, no 14, que mantivo no electrónico sen moverse ante a artillería de de Chiqui de lonxe, que intentou rematar Marta, por partida dobre. O perigo das laranxas sobre a rede visitante intensificouse no último minuto. Intentouno Judith, con dobre tentativa desartellada por Vane, que tan só 7 segundos despois sacou un pé prodixioso ante Dany, desde saque de banda. Á terceira foi a vencida, nas zapatillas de Lara, que atopou o merecido gol nun pase de Dany desde saque de esquina de Judith.

Volveu o esférico a rodar na Bomboneira con máis equilibrio e con alternancia de protagonismo baixo os paus; no primeiro minuto Jozi despexou un saque de esquina máis que perigoso e pouco despois Vane fixo o propio fronte a Dany. A porteira laranxa converteuse no pesadelo para as de Ourense; tras unha gran galopada de Cilene, á que non puido chegar Judith, Jozi soubo custodiar a rede local no 29, fronte a Marta e en colaboración con Bea Mateos; pouco despois volveu tirar de oficio en tentativa de Antía en xogada de estratexia. A falta de pouco máis de catro minutos para a bucina final, as pupilas de Chipi foron a por a remontada con Andrea Carid como porteira xogadora, ante a correctísima defensa mariñá.



Ficha técnica

Pescados Rubén-Burela FS: Jozi, Dany, Lara, Bea Mateos, Judith, cinco inicial; tamén xogaron Shiori, Cilene, Silvia, Sofía, Elvira, Paula

Ourense Envialia FSF: Vane, Bea Seijas, Marta, Sara Moreno, Andrea Carid, cinco inicial; tamén xogaron Lucía, Chiqui, Antía

Goles: 1-0, minuto 19, Lara

Árbitros: Amor Vizoso // Salinas García (Ferrol). Por Ourense amarela Chiqui (minuto 8), Andrea Carid (minuto 35)

Incidencias: Partido da novena xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre ante 500 persoas
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores