Noticias
3 de novembro de 2016
Festa en Vista Alegre

Mañá Vista Alegre vivirá a primeira festa de 2016-17 como Día do Club coa visita de colosal FC Barcelona Lassa (21.00 horas), con emisión en directo por streaming (www.lnfsdirecto.es). Un dos protagonistas laranxas sobre o parqué será o andaluz Sebastián Vargas Otero, Chano, case acabado de aterrar do seu debut coa Selección Española: “Aínda que só foron tres días aprendín moito e sobre todo gocei, gocei moitísimo. O gol no segundo partido foi a guinda ao pastel, aínda que ao final o que máis satisfai é facer un bo traballo, pero evidentemente se podes marcar, moito mellor”, explicaba o 11 burelista tras a súa participación coa Vermella nos amigables con vitoria fronte a Francia en Limoxes.


“É unha inxección de enerxía e ánimo impresionante para seguir facendo as cousas ben con Burela. Volvín moi ben; na sesión de onte atopeime un pouco canso porque viña da viaxe, pero todo foi moi ben. Os meus compañeiros felicitáronme e interesáronse moito pola miña experiencia” explicaba Chano tras o reencontro co cadro mariñán en Vista Alegre, a pouco máis de 24 horas para recibir a un dos grandes da elite.


A escuadra de Daniel Ibañes terá un reto nada envexable por diante. Regresa á Bomboneira co gran desafío de reatoparse coa vitoria e ampliar os ata agora 3 puntos recollidos ante o Santiago hai dúas xornadas. Os cataláns recalan con 9 puntos, tras a derrota inaugural na casa de Peñíscola (3-2) e encadeando tres triunfos (Cartagena 5-4, Jumilla 3-11 e Gran Canaria 4-2). “Non é mellor rival nin é o mellor momento porque empezamos a liga con certas dúbidas, algo irregulares, facendo partidos moi bos e outros bastante máis xustos. É un momento no que temos que coller boas sensacións e facer puntos; para iso o Barça non é o mellor rival pero aquí na casa podemos competir. Se estamos concentrados podemos sacar o partido adiante. Ao final depende máis de nós que do Barcelona; sabemos que eles van estar ben, son un equipazo cun vestiario amplo na que calquera xogador mantén un nivel altísimo” reflexionaba o 11 laranxa.


Á convocatoria de Daniel Ibañes regresa Isi, que non puido xogar na pista de Magna, por unha rotura de fibras. Bruno Petry, parado boa parte da semana por unha contractura, e Iago Míguez, por un proceso gripal, chegarán minguados.



Convocatoria Pescados Rubén: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 11. Chano, 12. Petry, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito


Convocatoria FC Barcelona Lassa: 2. Aicardo, 3. Rómulo, 4. Tolrà, 6. Joao Batista, 7. Dyego, 8. Adolfo, 11. Ferrao, 12. Juanjo, 13. Joselito, 14. Roger Serrano, 23. Diego Quintela, 28. Paco Sedano


Venda anticipada


A venda anticipada na oficina laranxa pecharase mañá ás 14.00 horas. A taquilla de Vista Alegre estará aberta desde as 20.00 horas. As entradas de soci@s poderán ser liberadas a partir das 20.50 horas.


PREZOS PARA SOCIOS: Adult@: 5 € // Menor de 18 anos: 1 €
PREZOS PARA NON SOCIOS: Adult@: 15 € // Menor de 18 anos: 5 €


Copa do Rei


Os pupilos de Daniel Ibañes disputarán oitavos de Copa do Rei o vindeiro martes, 8 de novembro, na pista do Aspil Vidal Ribera Navarra (Ciudad de Tudela, 20.30 horas).


 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores