Noticias
24 de setembro de 2016
Pescados Rubén 1-3 Alcorcón FSF
O CD Burela FS Pescados Rubén non puido dar continuidade esta tarde ao bo inicio ligueiro. A fortaleza de Vista Alegre non puido arrebatarlle a vitoria ao AD Alcorcón (1-3) malia conseguir poñerse por diante nos compases iniciais. Axiña chegou a igualada das amarelas, que souberon aproveitar as súas oportunidades e tomar vantaxe de 1-3 antes do descanso. A aposta mariñá de porteira xogadora desde a recta final da primeira parte ata a bucina final non obtivo recompensa no luminoso.

Tres tentativas necesitou R. Betim, no seu debut de laranxa, para perforar a meta de Belén de Uña; a brasileira inaugurou o marcador no minuto 5 nun potente disparo de lonxe tras saque de esquina. Con todo, os méritos burelistas axiña se viron empañados pola igualada madrileña, nas zapatillas de Vadillos que foi máis rápida que Elvira aproveitando un balón morto na área mariñá. Outra das caras novas burelistas, Ana Romero -que foi cobrando protagonismo co paso dos minutos-, mostrou unha gran solidez baixo os paus; no ecuador da primeira parte saíu vitoriosa do perigosísimo man a man con Vane Sotelo. Con todo, nada puido facer a murciana tan só dous minutos despois ante a 19 de Alcorcón, que anotou o 1-2 a pase de Clara desde banda oposta. O terceiro das madrileñas chegou no 14 cando Anita Luján, ao bordo da liña de meta, cazou un disparo de falta directa en pugna con Ana Romero. As pupilas de Lucas e Julio Delgado apostaron por xogo de cinco nos últimos tres minutos, lideradas por Bea Mateos; Dany, que buscou a Betim sen éxito ao bordo do pau no 19, e Cilene, a 7 segundos para a bucina, protagonizaron as mellores ocasións das locais.

No segundo acto, a posesión do Pescados Rubén volveu ter a Bea Mateos como baluarte de cinco. Cilene e R. Betim dispuxeron de dous canonazos no minuto 23 apresados pola habilidosa Belén de Uña. A gardameta laranxa tamén tivo traballo; no 26 Desiree puxo moito perigo nun disparo que finalmente se foi desviado e no 28 a 12 burelista foi a encargada de salvar as da Mariña ante a tentativa de Vane Sotelo. Cumpriuse o minuto 30 con asedio das burelistas sobre a impasible Belén fronte a Cilene e Betim. O cadro de Lucas e Julio pelexou ata a extenuación por reducir as distancias sen fortuna ante a férrea defensa amarela liderada por De Uña.




Ficha técnica

CD Burela FS Pescados Rubén: Ana Romero, Dany, R. Betim, Lara, Cilene, cinco inicial; tamén xogaron xogaron Shiori, Silvia, Elvira, Bea Mateos, Sofía

AD Alcorcón FSF: Belén de Uña, Isa García, Clara, Desiree, Anita Luján, cinco inicial; tamén xogaron Vadillos, Chili, Irene Samper, Ana Rivera, Vane Sotelo

Goles: 1-0, minuto 5, R. Betim; 1-1, minuto 7, Vadillos;1-2, minuto 12, Vane Sotelo; 1-3, minuto 14, Anita Luján

Árbitros: Iván Feliz Otero // Xurxo García Rodríguez (Ourense). Por Alcorcón amarela a Vane Sotelo (minuto 17), Anita Luján (minuto 23), Vadillos (minuto 27)

Incidencias: Partido da terceira xornada de Primeira División RFEF disputado en Vista Alegre ante 500 espectadores. Minuto de silencio inicial en memoria do ex-director deportivo e ex-técnico do Pescados Rubén Marcelo Santoro ‘Neco’.
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores