Noticias
23 de setembro de 2016
As laranxas retoman a liga coa visita do Alcorcón (sábado 24, 18.30 horas)

As laranxas retomarán mañá a liga de Primeira RFEF na terceira xornada coa visita do AD Alcorcón FSF a Vista Alegre (18.30 horas), que gardará un minuto de silencio en memoria do ex-director deportivo e ex-técnico burelista Marcelo Santoro ‘Neco’, falecido repentinamente o sábado pasado na localidade mariñá.


“Regresamos aos adestramentos o martes pola tarde. Foi unha semana dura pero puidemos traballar aceptablemente; pouco a pouco poderemos ir recuperando a normalidade das sesións, con vontade e coraxe, pero sempre co seu recordo” explicaba así o adestrador laranxa, Lucas, á fronte dun vestiario que o sábado pasado, no desprazamento a Madrid para medirse ao Navalcarnero, recibiu a desgarradora noticia da perda de Neco.


O conxunto de Alcorcón recalará na Mariña co cadro ao completo, tamén con moitas caras novas, pero referendado pola experiencia e calidade de Belén de Uña, Ana Luján, Isa García, Sandra Vadillos ou Desiré Jiménez. As madrileñas saltarán ao parqué da Bomboneira nun bo comezo ligueiro, con empate na casa do Jimbee Roldán (2-2) e vitoria como local fronte ao FS Gironella (3-2). As pupilas de Lucas e Julio, pola súa banda, pelexarán por seguir sendo fortes no mausoleo mariñán tras o excelente debut ligueiro no derbi irmandiño ante o Cidade das Burgas (7-4).


Ana Romero, reforzo baixo os paus


Ana Romero (Yecla, 1994), que defendeu a camisola do UA Alicante nas tres últimas tempadas, será o novo reforzo baixo paus laranxas. A meta murciana xa estará dispoñible para a cita de mañá, compartindo responsabilidades coa novísima Nerea; a escuadra  laranxa voltará sen Jozi, que viaxou ao Brasil o mércores pola perda do seu compañeiro sentimental, Neco. Xunto á ausencia de longa duración de Emma, tampouco poderán participar na cita Judith e Helena, que arrastran molestias de xeonllo, nin Paula, cunha posible doenza ciática.


Convocatoria: 3. Dany, 6. Silvia, 7. R. Betim, 9. Sabela, 10. Lara, 12. Ana Romero, 13. Nerea, 14. Bea Mateos, 16. Cilene, 17. Sofía, 18. Shiori, 26. Elvira


Nova data para a xornada 2. O equipo laranxa disputará a xornada 2 na casa do Atlético de Madrid Navalcarnero –suspendida a semana pasada- o vindeiro xoves, 29 de setembro, ás 20.30 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores