Noticias
26 de agosto de 2016
Jozi: 'Imos ás Supercopa con obxectivos de rendemento'
A meta brasileira Joziane de Oliveira (Chapecó, 1982) vivirá a súa oitava tempada na Mariña como a referencia laranxa en veteranía e experiencia nun CD Burela FS Pescados Rubén renovado, a tan só 1 día de volver atoparse co todopoderoso Atlético de Madrid Navalcarnero na primeira gran cita de 2016-17, o partido de ida de Supercopa de España (sábado 27, 18.00 horas, La Estación). ‘Temos os pés postos na terra, imos con obxectivos de rendemento, de mellorar e aprender. A nosa principal meta é mellorar o que estamos traballando, de ir formando o equipo, de que as máis novas adquiran as nocións de Lucas e Julio Delgado, esperando os reforzos para pechar o equipo. O día a día de traballo iranos dando os resultados”, explicaba a internacional ‘canarinha’ de 34 anos, xunto ao presidente burelista, Manuel Blanco, e o directivo Auditor Rodríguez.

Madrileñas, como campioas de Copa de España 2016, e galegas, campioas de Supercopa 2015 e liga 2015-16, volverán saltar á pista por un título. A escuadra mariñá, en reconstrución, terá por diante o complicadísimo reto de intentar sorprender o sólido bloque de Navalcarnero, que arrinca 2016-17 con menos novidades que o Pescados Rubén.

Baixo a batuta de Lucas e Julio e xunto a Jozi, tamén continúan no proxecto laranxa Lara Balseiro, Bea Mateos, Dany, Emma, Judith, Silvia Rubal e Shiori, regresa a mariñá Paula Cortiñas e estrean experiencia na elite a canteirá Nerea Abad, xunto ás novas promesas Sabela Uriz, Helena García, Elvira López e Sofía Vázquez; tamén se espera a chegada das brasileiras Cilene Pereira e Rarine dos Santos. Con todo, a esencia da incansable loita laranxa permanece inalterable. “Non temos que pensar no resultado pero si en dalo todo, con intensidade e ganas, como sempre fixemos. O Burela FS segue levando o escudo pero a nosa filosofía debe centrarse no traballo diario para sacar deste bo grupo un bo equipo e ir crecendo aos poucos. Lémbrame un pouco ao meu primeiro ano aquí, en 2010, onde había un grupo con moita ilusión, que necesitaba gañar experiencia e foi crecendo co paso do tempo” atopaba así Jozi analoxías entre os seus recordos burelistas.

Mocidade e veteranía complementaranse para formar unha mestura que poida ser moi competitiva. “A ilusión das máis novas motívame moito; transformando as súas ganas e alegría en traballo poden crecer moito. As máis veteranas, tanto eu, como Bea, Dany ou Cilene, intentaremos transmitir que estar aquí é sinónimo de sacrificio, esforzo e disciplina, isto é o que debemos reflectir en pista”, falaba así das posibilidades laranxas a 1 mariñá, agradecendo o respaldo da incondicional afección e invitándoa a que siga mostrando o seu apoio: “Pídolles aos afeccionados que sigan animándonos coma sempre e que reciban as novas xogadoras, que elas sintan o seu apoio axudaralles a crecer”.

Convocatoria: 1. Jozi, 3. Dany, 6. Silvia, 9. Sabela, 10. Lara, 11. Helena, 13. Nerea, 14. Bea, 15. Judith, 19. Paula, 26. Elvira
Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores