Noticias
22 de xuño de 2016
Aposta de futuro: Renato dá o salto ao equipo sénior

O ata agora xuvenil Renato Lopes Furtado (Cabo Verde, 1997) defenderá o CD Burela FS Pescados Rubén de Primeira División LNFS as tres próximas tempadas. A Xoia Laranxa, que xa defendeu a elástica mariñá na máxima categoría en 2015-16 con minutos de responsabilidade e incluso estreándose na faceta goleadora, estivo arroupada na súa presentación oficial no salto ao equipo sénior polo presidente, Manuel Blanco, e o adestrador, Daniel Ibañes.



Renato recoñeceuse feliz na nova etapa na súa casa, no equipo que o viu medrar: “É a miña grande ilusión; xa teño moitas ganas de que comece a nova tempada”. “Xogar en Primeira División supón un gran cambio física e mentalmente; xa tiven a oportunidade de coñecer a categoría e o estilo de xogo o ano pasado” incidía así o 27 laranxa no gran reto que se lle presenta por diante, prometendo traballo e dedicación: “Espero axudar a traer moitas alegrías e que todo vaia ben. É unha oportunidade que non penso desaproveitar. No vestiario son o pequeno, aínda que tamén me tratan como un compañeiro máis; intento aprender dos consellos que me dan todos, pero sobre todo, Edu, Isi e Jorge”.


Renato tamén quixo agradecer todo o apoio dos seus compañeiros de base. “É un orgullo que a súa bancada leve o meu nome; o seu apoio nos partidos é moi especial para min, é unha motivación máis para superarme”. 
Manuel Blanco e Daniel Ibañes destacaron a proxección de futuro de Renato, tras o gran rendemento e adaptación amosados nas dúas últimas tempadas, involucrado na dinámica do equipo. “É un xogador da nosa base, está impregnado da filosofía laranxa e posúe unhas excelentes calidades técnicas para medrar co CD Burela FS Pescados Rubén en Primeira; con constancia e traballo ten enormes posibilidades por diante”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as noticias.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores